O próximo martes, 26 de marzo, está previsto que teña lugar a
celebración
da mesa para
a contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre
nas áreas
da Coruña, Baixo Miño, Pontevedra, Salnés e Vigo pola Fundación
Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que conta con ofertas de
empresas de transporte sanitario para todos estes lotes.
A
constitución da mesa de contratación, para a apertura dos sobres
coas ofertas técnicas, terá lugar nun acto público, e inicia o
proceso de licitación para a contratación dos cinco lotes
territoriais, que non recibiron ofertas no mes de decembro cando se
licitou o servizo de transporte sanitario urxente terrestre para a
Comunidade Autónoma de Galicia.
A
contratación deste servizo ten un valor estimado de 48.977.831,21 €
que se distribuirá en dúas anualidades, previstas para o período
comprendido entre os meses de xuño de 2024 e maio de 2026. A entrada
en vigor do contrato, que se prevé para o mes de xuño de 2024, terá
unha duración de dous anos, e poderá prorrogarse por un período
máximo dun ano.
Actualmente,
a contratación dos outros oito lotes, licitados no mes de decembro,
que xunto cos cinco que se están a licitar compoñen a Rede de
transporte sanitario urxente de Galicia-061, está xa na fase de
adxudicación, concretamente na presentación da documentación de
adxudicatarios propostos. Conta cunha previsión de inicio da
prestación do servizo para este próximo mes de maio de 2024.
A
Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trata así de
axilizar a contratación deste servizo sanitario esencial á maior
brevidade para seguir a cumprir co seu compromiso coa eficacia,
eficiencia e calidade desta actividade sanitaria asistencial cara á
poboación galega.
Cómpre
salientar que o contrato para a prestación do servizo de transporte
sanitario urxente terrestre, incorpora as melloras laborais do
convenio colectivo entre as empresas e os técnicos en emerxencias
sanitarias, que supera os 1.000 traballadores na Comunidade
Autónoma galega.
Estes
beneficios están relacionados co reaxuste dos tempos de traballo,
que supón unha redución da xornada laboral; a compensación das
xornadas nocturnas con días de descanso; incrementos salariais; e
melloras en beneficios sociais, como a protección da maternidade e
as condicións de acceso á xubilación, entre outros. Aspectos,
todos eles, recollidos no actual convenio do sector de transporte de
enfermos e accidentados en ambulancia de Galicia, asinado no mes de
novembro do pasado ano.
Ampliación
de vehículos substitutos
Ademais,
os pregos do contrato para a prestación deste servizo inclúen unha
ampliación dos vehículos substitutos de soporte vital avanzado
(SVA), nas áreas de transporte sanitario urxente con tres ou máis
vehículos de SVA, e cun vehículos substituto de soporte vital
básico (SVB), nas áreas con oito ou máis vehículos de SVB.
Por
outra banda, entre as melloras cualitativas deste contrato, destacan
a incorporación dun sistema de incentivos da operatividade dos
recursos e a oferta, nos criterios de adxudicación, dun vehículo
adicional para o traslado de pacientes con obesidade mórbida que
garante o traslados destes pacientes cun maior confort e seguridade.
Aumento
de cobertura e capacidade
Con
este contrato, a Rede de transporte sanitario urxente terrestre de
Galicia-061 disporá de 12 ambulancias asistenciais de soporte vital
avanzado medicalizadas, 5 ambulancias asistenciais de SVA de
enfermería, dous helicópteros medicalizados, 107 ambulancias
asistenciais de soporte vital básico e tres ambulancias
convencionais.
Todos
estes recursos, mobilizados desde a Central de Coordinación do 061,
garanten a asistencia ás urxencias e ás emerxencias
extrahospitalarias en Galicia as 24 horas do día, os 365 días do
ano.
Deste
xeito, consolídanse todos os novos recursos asistenciais
incorporados na anterior contratación, efectuada no ano 2019, que
incrementaron a cobertura e capacidade do servizo de transporte
sanitario urxente ata acadar datos récord de actividade.