A XUNTA E O CONSELLO OFICIAL DE COLEXIOS MÉDICOS DE GALICIA RENOVAN O PROGRAMA PAIME PARA A ATENCIÓN INTEGRAL AO MÉDICO ENFERMO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 05 2024


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos e presidente do Consello Oficial de Médicos de Lugo, Eduardo Iglesias García, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Programa de Atención Integral ao Médico Enfermo “PAIME”. 

Esta iniciativa permite ofrecer ao persoal médico galego prestacións para atender problemas de saúde derivados de psicopatoloxías ou de adicións e drogodependencias, así como fomentar accións preventivas.

No acto tamén participaron os presidentes do colexio de médicos da Coruña, Luciano Vidán Martínez; do de Ourense; Pilar Garzón Guiteria; e o de Pontevedra, Isidro Lago Barreiro; xunto co secretario do Consello Galego de Colexios Médicos, Juan José López Díaz. Por parte da Consellería de Sanidade estiveron presentes tamén a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares; o xerente do Sergas, José Ramón Parada Jorgal; o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva Tojo; e a directora xeral de Recursos Humanos, Mar Pousa Cobas.

A Xunta asina desde hai máis de 15 anos este convenio de colaboración co Consello Galego de Colexios Médicos para desenvolver o Programa de Atención Integral ao Médico Enfermo. 

Contido do programa

A Xunta e colexios consideran, atendendo ás características propias do exercicio da profesión médica, que os facultativos enfermos requiren unha atención médica específica e especializada, xa que iso permitirá a detención precoz dos casos e a instauración dos tratamentos necesarios, co fin de garantir o axeitado exercicio profesional.

O programa, que atende ao redor de 70 facultativos ao ano, ponse en mans dos colexios para difundir a súa existencia entre o persoal colexiado. Ademais, ten unha vertente de instrumento de control de boas prácticas e de garantía á poboación de protección ao doente, asegurando o retorno do profesional ao exercicio da medicina en condicións óptimas para exercer.

Ao longo destes anos, o orzamento do programa aumentou un 47%, desde os 44.000 euros de 2020 ata os 65.000 que a Consellería de Sanidade destinará neste 2024.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde