A Xunta iniciará mañá o programa piloto de cribado de cancro de pulmón entre preto de 300 persoas da área sanitaria da Coruña e Cee, co que Galicia se sitúa como referente na abordaxe da detección precoz dunha enfermidade que é a primeira en mortalidade en homes e a segunda en mulleres. Ademais, neste tipo de cancro a detección temperá é determinante para obter un diagnóstico favorable.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto á directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, ao xerente da área sanitaria, Luis Verde, e ao resto de persoal implicado, visitou o servizo de radiodiagnóstico do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña no que este sábado se comezarán a realizar os TAC de baixa radiación aos pacientes participantes no programa piloto.
Partindo dunha poboación diana de persoas de 55 a 74 anos grandes fumadoras ou que deixaran de fumar hai menos de 10 anos, a selección definitiva foi realizada por persoal facultativo de atención primaria do centro de saúde do Ventorrillo e residentes MIR dirixidos pola coordinadora docente da área sanitaria coruñesa a través de enquisas entre os pacientes que tiñan rexistrado na súa historia clínica o hábito tabáquico.
Un total de 306 persoas cumprían os requisitos do programa, a maioría homes e fumadores. Delas, hai 290 candidatos aos que se lles ofrecerá a someterse a un TAC de baixa radiación que se comezarán a realizar mañá previa citación telefónica aos interesados. A previsión é realizar as probas desde mañá ata finais do mes de xuño.
Polo tanto, ao longo do verán a Consellería de Sanidade disporá dos primeiros resultados provisionais cos que coñecer o nivel de participación no programa piloto, a taxa de derivación para confirmación de diagnóstico e outros indicadores. Para confirmar taxas de detección da enfermidade, será necesario facer un seguimento a longo prazo ata confirmar ou descartar un posible cancro de pulmón.
Tomando como base a avaliación deses datos, o Goberno galego decidirá sobre a conveniencia ou non da extensión do programa a toda Galicia.
No acto no CHUAC, o conselleiro agradeceu o traballo do equipo multidisciplinar que permitiu desenvolver esta iniciativa, como é o persoal da Dirección Xeral de Saúde Pública, membros da cátedra de Medicina Preventiva da USC, médicos especialistas en neumoloxía, radioloxía, cardioloxía, oncoloxía e medicina de familia, e persoal da subdirección xeral de atención hospitalaria do Sergas.
Á vangarda da saúde pública
Este proxecto piloto enmárcase no Plan Inspira Saúde co que, partindo dunha abordaxe integral de protección da saúde da poboación fronte aos danos provocados polo tabaco, a Xunta avanza no desenvolvemento de novas estratexias de detección precoz de cancro asociado ao seu consumo.
Mostra da aposta que a Xunta fai pola prevención, a Consellería de Sanidade duplicou desde 2020 o investimento destinado aos cribados ata chegar aos 2,6 millóns de euros nos orzamentos deste ano.
Entre os últimos avances, Galicia estendeu a todas as áreas sanitarias o programa de detección precoz de cancro de cérvix e, aumentando o número de beneficiarias en 100.000 mulleres, ampliou ata os 74 anos a cobertura do cribado de cancro de mama, ademais de consolidar o cribado de cancro de colon en todas as áreas.