A XUNTA ASINA UN CONVENIO CON COGAMI PARA COMPLEMENTAR A ASISTENCIA ÁS PERSOAS CON ENFERMIDADES CRÓNICAS DE FORMA PERSONALIZADA CUN INVESTIMENTO DE 164.000 €
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 05 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron hoxe o convenio de colaboración para ofrecer unha atención personalizada a 958 persoas con discapacidade orgánica.

No acto de sinatura estiveron presentes o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva; a coordinadora da comisión sociosanitaria de Cogami, Laura Quintas; e o vicetesoureiro da entidade, Paulo Fontán.

En palabras do conselleiro de Sanidade, “este acordo, ao que a Xunta achega 164.000 euros, abre un camiño innovador para complementar a asistencia que presta o Servizo Galego de Saúde ofrecendo unha atención adicional, integral e particularizada a pacientes de enfermidades crónicas nas sete áreas sanitarias”. 

Así, 19 asociacións integradas en Cogami desenvolverán un conxunto de accións orientadas a prestar os tratamentos e técnicas máis axeitados para cada patoloxía e persoa en función do seu grao de afectación e evolución da enfermidade. Ademais, as intervencións efectuaranse na contorna das persoas asistidas, sexan domicilios particulares, empresas ou centros de atención. 

Coas persoas beneficiarias xa identificadas, 520 persoas disporán de apoio, orientación e información sobre a súa patoloxía; 200 persoas recibirán apoio á recuperación física funcional; 50 persoas recibirán apoio ocupacional; 3 persoas terán apoio á recuperación logopédica; 165 persoas, apoio emocional; e 40 persoas, outros servizos dirixidos á recuperación integral das persoas con discapacidade.

As entidades colaboradoras prestan servizos a pacientes con hemofilia e outras coagulopatías conxénitas (AGADHEMO), esclerose múltiple (ACEM Coruña, ACEM Santiago, Aodemper, Avempo e Alucem), patoloxías reumáticas (Conartrite Santiago e Asearpo), párkinson (Parkinson Galicia), patoloxías do ril (ALCER Coruña, ALCER Lugo, ALCER Ourense e ALCER Pontevedra), crohn e colite ulcerosa (ACCU), fibromialxia e fatiga crónica (Affou), fibrose quística (AGFQ), enfermidades neuromusculares (ASEM Galicia), linfedema, lipedema e outras patoloxías vasculares (AGL) e persoas afectadas por transplantes medulares (Asotrame).

A través deste convenio, a Xunta atende as necesidades de persoas con enfermidade crónica que deriva nunha discapacidade, na liña da Estratexia galega de saúde 2030. 

O obxectivo é previr o seu empeoramento, mellorar a súa calidade de vida e evitar situacións de dependencia. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde