O CONSELLO DA XUNTA DÁLLE O VISTO E PRACE Á CONTRATACIÓN, POLO PROCEDEMENTO DE EMERXENCIA, DO SERVIZO DE TRANSPORTE SANITARIO URXENTE NA ÁREA DE VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 05 2024

O Consello da Xunta abordou hoxe un informe sobre a tramitación de emerxencia para a contratación do servizo de transporte sanitario urxente da área de Vigo.

Esta contratación terá unha duración de seis meses, coa posibilidade de prórroga por outros tres, en que a Consellería de Sanidade, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, tramitará un novo contrato do servizo por procedemento aberto.

O servizo de transporte sanitario urxente terrestre na área de Vigo, que comprende os concellos de Vigo, Cangas do Morrazo e Moaña, é un servizo esencial para a poboación que debe seguir a prestarse, logo da comunicación da actual empresa da imposibilidade de continuar coa prestación do servizo.

O orzamento do servizo de transporte sanitario urxente terrestre na área de Vigo recollido neste procedemento de emerxencia ascende a 2.901.952,48 euros, IVE exento. Está prevista a posible prórroga, por un período de 3 meses e cun importe de 1.380.169,82 euros. O contrato de emerxencia fixa a entrada en vigor para a prestación do servizo no 1 de xuño de 2024.

Garante a continuidade e a calidade do servizo

Deste xeito, a Consellería de Sanidade, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, garante a continuidade e a calidade da prestación do servizo de transporte sanitario urxente nos concellos de Vigo, Cangas do Morrazo e Moaña e segue a prestar a mellor asistencia ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias no punto en que se atope o paciente.

Co procedemento de emerxencia do que foi informado hoxe o Consello da Xunta, a Consellería de Sanidade trata de axilizar a contratación deste servizo esencial coa maior brevidade, para seguir a cumprir co seu compromiso coa eficacia, a eficiencia e a calidade desta actividade sanitaria asistencial para a poboación galega.

A Xunta garante a atención ás urxencias e ás emerxencias sanitarias no medio extrahospitalario as 24 horas, os 365 días do ano, nos concellos de Vigo, Cangas do Morrazo e Moaña.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde