​O NÚMERO DE CÓDIGOS ICTUS ACTIVADOS DURANTE O ANO PASADO EN GALICIA FOI DE 2.409 E REXISTRÁRONSE 491 FIBRINOLISES E 468 TROMBECTOMÍAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 04 2024
 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe, en relación aos datos de Asistencia ao Ictus Agudo, que o número de códigos ictus activados durante o pasado ano foi de 2.409 e rexistráronse 491 fibrinolises e 468 trombectomías. Así o sinalou no acto de inauguración da XXXVII Reunión anual da Sociedade Galega de Neuroloxía, no que estivo acompañado pola xerente da área sanitaria, Eloína Núñez, e polo presidente da Sociedade Galega de Neuroloxía, José María Prieto.

Tamén puxo en valor a presentación, en decembro de 2023, do Proceso asistencial integrado en dano cerebral adquirido, que naceu co traballo interdisciplinar de todos os profesionais sanitarios implicados, así como coa participación de representantes da Federación Galega de Dano Cerebral.

Xunto ao anterior, o máximo responsable do Sergas subliñou a realización, por parte do seu departamento, dos procesos asistenciais integrados en Esclerose Lateral Amiotrófica e Esclerose Múltiple, así como, dos traballos para a elaboración, a finais do pasado ano, do Proceso asistencial integrado en Alzheimer e outras demencias, do que, nas vindeiras semanas, continuarase cos labores do grupo para a súa elaboración.

Neste evento, o conselleiro manifestou que a neuroloxía galega ten unha gran excelencia no conxunto do Estado e, ao respecto, destacou a adquisición de equipamento innovador como a incorporación do HIFU á sanidade galega, primeiro equipo que se instalou nun hospital público de España.

Tamén incidiu Caamaño na excelencia dos Centros, Servizos e Unidades de Referencia (CSUR) de Epilepsia refractaria, dos Trastornos de movemento e de Esclerose múltiple, que permiten estar orgullosos dunha especialidade puxante en Galicia.

O conselleiro rematou a súa intervención dando as grazas á Sociedade Galega de Neuroloxía, por contribuír a que a nosa comunidade sexa un centro de reflexión e investigación nesta especialidade.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde