O LABORATORIO DE ANÁLISES CLÍNICAS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL REALIZA 330.000 DETERMINACIÓNS Ó MES E O 80% XA SON NA NOVA CADEA AUTOMATIZADA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
24 07 2020

O Laboratorio de Análises Clínicas da Área Sanitaria de Ferrol realiza unha media de 330.000 determinacións clínicas ó mes. Estas determinacións fanse máis rápido, e con maior eficiencia, trazabilidade e seguridade dende o pasado mes de setembro, no que se completaba a renovación total da laboratorio CORE, que é unha gran área técnica que dá servizo a distintos ámbitos do laboratorio, e onde se realizan o 80% dos determinacións, que son validadas polos distintos especialistas en análises clínicas das diversas áreas de coñecemento. Esta cadea permite conectar distintos analizadores para integrar técnicas e consolidar parámetros coa consecuente mellora da eficiencia.
Tódolos elementos que conforman a cadea téñense renovado pola última tecnoloxía e con maior potencia analítica, como as centrífugas, onde se separan os soros compoñentes da mostra; o destaponador, que extrae o tapón da mostra, co beneficio que supón isto para o persoal, xa que minimiza o risco biolóxico; os analizadores, que son mixtos e realizan as determinacións en distintos ámbitos, como o bioquímico, as hormonas ou os marcadores tumorais, por exemplo; e os alicuotadores, que separan as cantidades necesarias para facer as distintas determinacións coa mesma mostra. A nova cadea laboratorio tamén distribúe os distintos compoñentes da mostra de cara á súa análise en partes do laboratorio máis específicas ou especializadas non integradas na cadea, como poden ser o cribado prenatal, a autoinmunidade, as proteínas ou alerxias, por exemplo.
Esta renovación total converte ó Laboratorio no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol nun dos máis modernos de Galicia ó contar coa última tecnoloxía; e o primeiro en ter o laboratorio de urxencia e de rutina integrados no laboratorio CORE.
Eficiencia e seguridade
As mostras chegan identificadas xa no punto de extracción, co que non é necesario ningún tipo de manipulación manual, o que implica total trazabilidade á mostra, e evita erros de identificación. O tubo entra tapado na cadea que xa se ocupa de realizar o centrifugado, destapona, e fai as alícuotas mencionadas. A cadea de automatización conecta co sistema informático,  pregunta cal é a petición que se fai a través dese código de barras do tubo, e permite a distribución das mostras entre os distintos analizadores conectados de xeito automático e intelixente, e segundo o volume das peticións. Isto tradúcese en procesar maior volume de mostras en menos tempo, o que repercute nos tempos de resposta.
Esta cadea permite tamén, dende decembro, dar prioridade ás mostras que son urxentes ou preferentes, como os pacientes hospitalizados, o hospital de día, diálise ou as urxencias. Integrábase así, polo tanto, o laboratorio de urxencias, co que se automatiza e aumenta a carteira de servizos dispoñibles para 24 horas. “Isto fixo posible adaptarnos mellor ás novas necesidades, introducindo novas técnicas e perfís para axudar ó seguimento de pacientes Covid”, contextualiza a xefa do Laboratorio, a especialista en Análises Clínicas, Aida Pérez Fuertes. Se hai que introducir unha mostra urxente, o sistema recoñece esa urxencia a través da conexión ó sistema informático, e grazas ó sistema de transporte magnético e bidireccional permite priorizar esa mostra sen penalizar a proba de rutina. “Unha das grandes vantaxes é que ten integrada para a súa posible priorización a mostra urxente no medio das probas de rutina”, subliña e resume esta profesional.
Na fin da cadea, esta nova automatización fai posible gardar durante unha semana os tubos, que a propia máquina tapa de novo, e sitúa nunha neveira con capacidade para máis de 15.300 tubos. Así o profesional que pide a proba pode, se é necesario, ampliar algún dos aspectos solicitados sen que o paciente teña que volver facer a analítica. Transcorridos eses días, a cadea elimina os tubos automaticamente, o que novamente beneficia ó persoal ó non ter que manipular as mostras biolóxicas para a súa destrución.
Laboratorio de Análises Clínicas, actividade e calidade
Remarcar que toda esta cadea de automatización está sometida a un exhaustivo control de calidade tanto interno como externo por parte de técnicos de laboratorio e de especialistas en Análises Clínicas, que realizan controis de calidade das mostras de pacientes e revisan e validan os resultados cos informes correspondentes, que só poden ser vistos polos profesionais que os solicitan, trala realización desa validación. Neste senso, lembrar que este Laboratorio de Análises Clínicas certificábase en Calidade, xa en decembro de 2001, e era o primeiro de Galicia en se certificar. Estar certificado indica que se producen auditorías externas en base a normas ISO que obrigan a manter e elevar os estándares de calidade.
No Laboratorio de Análises Clínicas da Área Sanitaria de Ferrol desenvolven a súa actividade un total de 43 persoas, entre a responsable do Servizo, 8 facultativos especialistas en Análises Clínicas, a supervisora, 27 Técnicos de Laboratorio, 5 auxiliares administrativos e unha celadora. A este laboratorio chegan, a modo de exemplo, entre 1.200 e 1.400 mostras diarias non urxentes, entre 180 e 250 peticións urxentes diarias; e entre 130 e 200 mostras ó día de pacientes ingresados, describe a responsable do Laboratorio.
O laboratorio, emprazado no Hospital Arquitecto Marcide do CHUF, abrangue a actividade de toda a Área Sanitaria de Ferrol distribuída en distintos ámbitos e prioridades, urxentes, preferentes, hospitalizados, consultas externas do Complexo, e Atención Primaria. A renovación da cadea implicou que os tempos de resposta das peticións urxentes, por exemplo, se sitúen entre os 35 e os 45 minutos; ou que as mostras se xestionen na súa totalidade no mesmo día. Esta actuación de renovación adxudicouse en concurso público da Área Sanitaria de Ferrol por un importe estimado de 2.877.094 euros máis o IVE, para un horizonte temporal de 48 meses.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss