OS MEDICOS GALEGOS XA PODEN CONSULTAR NA HISTORIA ELECTRÓNICA A INFORMACIÓN SOBRE OS CONTACTOS RELACIONADOS COS SEUS PACIENTES DA COVID
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 08 2020

​Os médicos galegos contan cunha nova ferramenta na loita contra o virus da covid-19. Trátase dunha rede integral de seguimento do virus, apoiada na historia clínica electrónica dos pacientes (IANUS). Os facultativos poderán monitorar no IANUS non só ao enfermo da covid-19, tal e como viñan facendo, senón que disporán da mesma información sobre os casos sospeitosos e os contactos estreitos relacionados con el.

Ata agora, os médicos dispoñían de listas de traballo integradas no IANUS onde son informados dos novos casos do seu ámbito de atención,situación na que se atopan e os cambios que se producen no estado dos seus pacientes asociados a esta patoloxía. Desta forma pódese actuar con maior celeridade.
 
Coa posta en marcha da Central de seguimento de contactos, estase obtendo información relevante sobre as enquisas realizadas a todos os casos e o seguimento de contactos. Esta información se consolida no sistema de vixilancia epidemiolóxica (VIXIA) único para toda a comunidade, e que permite dispoñer dunha información veraz, actualizada e consolidada asociada a cada caso e os seus contactos.

 

Agora esta información esténdese a todos os profesionais sanitarios introducindo melloras no IANUS. Así, os profesionais poden coñecer non só a situación da enfermidade do paciente ao que están a consultar, senón tamén a evolución que están a ter as persoas da contorna próxima do mesmo que puideron ter contacto co virus, ver se están en seguimento, se presentan síntomas ou mesmo se contraeron a enfermidade.
  
Dende a Consellería de Sanidade considérase fundamental reforzar a aposta polas plataformas tecnolóxicas que se ven facendo para realizar un mellor seguemento da pandemia. Isto é algo crucial neste momento, xa que a vixilancia dos posibles novos brotes é vital para non ter un repunte da covid-19 e permite dar unha resposta áxil e homoxénea fronte ao virus en todo o territorio.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss