Un total de 1.036 aspirantes acudiron hoxe ao Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, ás probas selectivas da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, iniciadas o 18 de setembro. O número de persoas que se presentaron supón unha participación no día de hoxe do 84,64% (1.224 convocados).
Este sábado estaban convocados 223 aspirantes na categoría de facultativo especialista en Medicina Interna, para cubrir 47 prazas. Nesta categoría, presentáronse 197 aspirantes dos 223 admitidos (88,34%).
Así mesmo, no que atinxe á categoría Técnico superior en imaxe para o diagnóstico, hoxe estaban convocados un total de 1.001 aspirantes, para cubrir 63 prazas. Neste caso, presentáronse á realización das probas un total de 839 persoas (83,82%),
Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.