Tres
proxectos de investigación nos que participa o Servizo de Dixestivo
da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras veñen de recibir sendas bolsas FIS, o
prestixioso Fondo de Investigación en Saúde do Instituto de Saúde
Carlos III (ISCIII) que, ademáis de financiación representan unha
garantía de rigor e calidade da investigación, polo que ano tras
ano recaen nas institucións sanitarias máis prestixiosas do estado.
Joaquín
Cubiella, Pablo Vega e Sara Zarraquiños, especialistas do servizo
con recoñecido perfil investigador, son os responsables principais do
desenvolvemento en Ourense destes tres estudos que investigaran
aspectos relacionados co cancro colorectal, o cancro
gástrico e as súas lesións preneoplásicas e as enfermidades
inflamatorias intestinais.
Cada
vez mais pacientes a seguemento: ¿Colonoscopia ou Test?
En
concreto, Joaquín Cubiella dirixe “Polyprev”
ensaio clínico de ámbito poboacional que pretende avaliar cal é o
método de control mais eficaz para a vixilancia periódica dos
pacientes do cribado poboacional aos que se detectaron e extraeron
pólipos colorrectais avanzados, é dicir con risco de malignidade.
Na
actualidade, para o seguemento da evolución destes pacientes,
prográmase unha colonoscopia periódica, o que xera un volume
asistencial crecente -moi especialmente nas comunidades con programa
de cribado- ao ter cada vez un maior número de pacientes en
vixilancia. Sendo 1 de cada 4 colonoscopias de control.
Ao
longo dos próximos dez anos, este estudio tentará demostrar que a
realización anual dun test de sangue oculta en feces é igual de
efectiva que a vixilancia con colonoscopias, co que se evitarían
multitude de probas reducindo tamén riscos e molestias para os
pacientes. Non menos importante, este seguemento no tempo permitirá
coñecer mellor aos pacientes.
Segundo
explicou Joaquín Cubiella “nos próximos tres anos, analizaremos o
efecto da actividade física e o estilo de vida na detección de
pólipos avanzados en 3.800 pacientes, que se incluirán no estudio
nos vindeiros dous anos, e realizaremos un estudo que avaliará os
valores e preferencias dos pacientes respecto a vixilancia
endoscópica e as súas alternativas” -dixo– “co que os
resultados do estudo serán extremadamente relevantes” subliñou.
Un
ambicioso rexistro nacional do cancro gástrico
Sara
Zarraquiños é a responsable en Ourense dun ambicioso proxecto,
liderado pola investigadora de orixe galego Leticia Moreira, do
Servizo de Gastroenteroloxía do Hospital Clínic de Barcelona, e
que pode supoñer un revulsivo no manexo do cancro gástrico no noso
país. Con menos incidencia que o colorectal -100 novos casos ao ano
na nosa Área Sanitaria- ten lamentablemente unha elevada
mortalidade, derivada da súa detección tardía, ao non existir na
actualidade programas de cribado ou fórmulas eficaces para o seu
diagnóstico precoz.
O
EpiGASTRIC/EDGAR permitirá crear o primeiro rexistro nacional de
pacientes con cancro gástrico e lesións preneoplásicas gástricas
(ou de inicio do cancro). O seu obxectivo é estudar a prevalencia
destas lesións no noso país, así como investigar os factores de
risco xenético e ambiental, que poidan estar implicados non seu
desenvolvemento.
O
proxecto será o punto de partida para afondar no coñecemento desta
grave patoloxía oncolóxica, na procura da súa detección precoz e
a redución da mortalidade. Para elo, segundo explicou Sara
Zarraquiños, desde o próximo mes de novembro convidarán a
participar a pacientes que se vaian a realizar unha gastroscopia. O
obxectivo é seleccionar dous grupos: un de pacientes con cancro
gástrico, ou lesións previas, e outro, de control, con persoas
sen patoloxía gástrica.
Sara
Zarraquiños explicou que grazas a participación dos pacientes de
Ourense, xunto aos do resto de país, os investigadores recopilarán
información de gran utilidade clínica, tanto mediante o coñecemento
dos seus antecedentes familiares ou persoais, como a través da
recollida de mostras biolóxicas (sangue, superficie lingual e/ou
zume gástrico aproveitando a realización da gastroscopia). Para a
Dra. Zarraquiños “a identificación de factores de risco clínicos
ou biolóxicos axudaranos a mellorar a estratexia para a
prevención e diagnóstico precoz dás lesións gástricas” e
destacou que podería ser clave para dispoñer de “biomarcadores e
detectar lesións incipientes”.
Trasplantar
as bacterias que manteñen san o intestino
A
terceira liña de investigación, con referendo FIS, do Servizo de
Dixestivo da Área de Ourense, entronca cun dos procedementos, nos
que este servizo é referente a nivel galego, e un dos doce do estado
con experiencia no trasplante de microbiota fecal, para o tratamento
das enfermidades inflamatorias intestinais e da “Clostridium
difficile”, bacteria que pode causar diarrea e afeccións serias.
O
ensaio multicéntrico, randomizado, dobre cego e comparado con
placebo, ten por obxectivo avaliar a eficacia do transplante de
microbiota fecal, para chegar ou manter a remisión dos brotes ou
síntomas da colite úlcerosa en con afectación de leve a moderada.
Neste
proxecto, liderado pola ourensá Begoña González Suarez, do Servizo
de Gastroenteroloxía do Hospital Clinic de Barcelona, participarán
130 pacientes con colite ulcerosa moderada, ao redor de dez en
Ourense, que se seleccionarán no primeiro trimestre de 2022.
A
microbiota intestinal, ou flora bacteriana, defínese como o
conxunto de microorganismos que habitan de forma natural no tubo
dixestivo. Bacterias, fungos e virus que contribúen a saúde
intestinal, e cuxa alteración ou deterioro se trata de restablecer
mediante o trasplante, que neste estudo se realizará mediante
administración oral, en cápsulas de multidonantes de feces, tras un
procesado que garante a seguridade e as axeitadas condicións
organolepticas.
Para
o seu responsable en Ourense, Pablo Vega, “trátase dunha vía que
pretende explorar unha nova diana terapéutica nunha enfermidade
complexa e multifactorial, como é a colitis ulcerosa, onde a
alteración da flora microbiana parece xogar un papel fundamental”
xa que, engadíu, a microbiota intervén de forma activa na
axeitada resposta inmune do intestino ante un patóxeno, e “a súa
desregulación relacionouse con múltiples enfermidades de natureza
infecciosa, metabólica e autoinmunitaria” dixo.
Na
rolda de prensa, asistiron xunto aos tres investigadores principais,
o xefe de servizo de Aparello Dixestivo, Eloy Sánchez, e o xerente
da Área Sanitaria, Félix Rubial, ambos coincidiron ao destacar o "músculo investigador" deste servizo que vai da man do seu prestixio a
nivel nacional en aspectos asistenciais, de acreditación de
calidade e seguridade do paciente.