OS ORZAMENTOS DA XUNTA DE 2022 ELEVARÁN POR RIBA DOS 4 MILLÓNS DE EUROS AS TRANSFERENCIAS DO EXECUTIVO GALEGO ÁS ENTIDADES LOCAIS PARA ATENCIÓN ÁS DROGODEPENDENCIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 10 2021

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en representación da Xunta de Galicia, asinou hoxe, co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela Paz, un convenio de colaboración na liña do Goberno galego de seguir a traballar coa FEGAMP en materia de prestación de servizos de atención sanitaria referidos aos trastornos adictivos. A tal efecto, a Xunta destinará, para o presente ano, un total de 3.979.799 euros.

Neste acto, o conselleiro de Sanidade avanzoulle ao presidente da FEGAMP, que o importe dos orzamentos da Xunta do vindeiro ano elevarán, por riba dos 4 millóns de euros, as transferencias do Executivo galego ás entidades locais para atención ás drogodependencias.
 
O convenio hoxe asinado está dirixido ao financiamento e desenvolvemento de programas de axudas para unidades asistenciais de drogodependencias, a través dos concellos que dispoñan delas, atendendo á planificación, criterios, guías, programas e procedementos establecidos polo Sergas no circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia.
 
Esta planificación permite mellorar a atención das persoas con trastornos adictivos, garantindo un acceso equitativo á asistencia en toda a comunidade, e coordinando, de xeito efectivo, a atención prestada nos dispositivos de atención ás drogodependencias con servizos de atención primaria e de saúde mental. Tamén posibilita establecer unhas directrices comúns para todos os centros galegos en materia de drogodependencias.
 
A través deste convenio, o Goberno galego garante o mantemento e a consolidación dos sistemas de axuda ao colectivo de persoas que padece trastornos adictivos, facilitando a accesibilidade e seguimento dos tratamentos a través de dispositivos municipais e comarcais.  O convenio é unha renovación dos que se veñen asinando coa FEGAMP dende o ano 2014, como entidade colaboradora e representante única de todos os concellos que dispoñen de servizos de atención sanitaria de trastornos adictivos.
 
O número de beneficiarios deste convenio en 2020 foi de 8.880 persoas. 
 
O convenio de colaboración hoxe asinado establécese entre a Consellería de Presidencia, a de Sanidade, o Sergas, e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).  A tal efecto, tamén estiveron presentes, Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia; e Sinda Blanco, subdirectora xeral de Atención Primaria do Sergas.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss