MENCIÓN HONORÍFICA DOS PREMIOS DE INNOVACIÓN EDUCATIVA PARA A HUMANIZACIÓN DOS ANDARES DE PEDIATRÍA DO CHUF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 10 2021

​O proxecto de Humanización realizado no no terceiro e no primeiro andar de Pediatría do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol é distinguido cunha mención honorífica nos VIII Premios de Innovación Educativa. A mestra da Aula Hospitalaria e coordinadora deste proxecto, Pilar Porta, recollía esta mañá  esta mención de mans dos organizadores do galardón Escola Viva e o sindicato do ensino FeSP-UXT. Con estes premios preténdese "recoñecer o labor daqueles docentes que levan a cabo experiencias didácticas innovadoras coa fin de mellorar a formación do seu alumnado”. Neste caso, destaca o valor didáctico, multidisciplinar e cooperativo deste proxecto máis alá dunha humanización estética dos espazos.

 
Lembrar que o terceiro andar do Hospital Arquitecto Marcide era o primeiro de Galicia en incorporar ás súas infraestruturas un proxecto que, ademais de humanizar os espazos físicos, guiase pedagoxicamente ós nenos e nenas durante a súa estadía no centro hospitalario.

 
Prémiase o conxunto de espazos, andares e recuncho creativo da Aula Hospitalaria, e valóranse os obxectivos establecidos de dar resposta ás necesidades específicas do alumnado hospitalizado; crear un espazo humanizado coa participación do alumnado; facilitar sinalización recoñecible e adaptada; facer da aula un espazo máis participativo e integrado; deseñar ambientación partindo dunha estratexia lúdica, transformar os espazos creando unha identidade propia; a promoción da lingua galega;  e potenciar a aprendizaxe fundamentada nas competencias básicas.


Prioriño, bosque especial e recuncho creativo

O proxecto do terceiro andar xerouse no ano 2013 e incorporaba as xincanas pedagóxicas como recurso lúdico e educativo. Creouse un ámbito que ten o mar como temática principal, e un personaxe, o peixe pirata Prioriño, como protagonista; e, con eles como fío condutor, decoráronse os cuartos, e situáronse ó longo do corredor distintas actividades didácticas que os nenos e os seus pais poden facer xuntos. Este proxecto naceu ante a inquietude de mellorar estes espazos de atención pediátrica de cara ó ingreso dos nenos hospitalizados, ou daqueles que asisten en réxime de día para a realización de probas diagnósticas.  

O resultado gráfico ten un traballo previo co persoal do andar e cos nenos hospitalizados que presentaron as súas propostas e axudaron a configurar os personaxes. Realizáronse tarefas pedagóxicas baseadas nas propias necesidades, e en base á contorna e tipoloxía dos pacientes: idade, tempo de permaneza, entre outras. Ademais, o corredor está cheo de actividades didácticas que os nenos poden desenvolver sós ou con axuda dos seus pais. Con este proxecto pedagóxico e artístico, actuouse sobre a totalidade do andar de Pediatría, oito cuartos pediátricos, a sala de lactación materna, o cuarto para a clínica e a sala de curas, o corredor, e a aula hospitalaria. Aplícase, en base ós personaxes creados, a sinalización global, como por exemplo, o mostrador de enfermeiras ou o panel de ingresos.
 
Lola, a caracola; Antón, o tiburón; a medusa Catuxa; o patexo Martín; o polbo Mugardín, a sardiña Pilariña ou a estrela Carmela, son algúns dos personaxes que se poden atopar nos cuartos do terceiro andar coa fin de que o nenos os identifique. A sala de lactación fíxose máis amena; na sala de curas, son os peixes e as mascotas os que miden ós nenos, e enchese de cor e personaxes paredes e teitos; mentres os nenos esperan para entrar nesa sala de curas, pódense entreter cun xogo de cores.
 
 

Neste proxecto de ambientación nos distintos andares pódense atopar as diferenzas entre buzos; reflectirse dentro dun submarino; traballar coas ondas; buscar o nome de faros da comarca de Ferrolterra nunha balea chea de letras; seguir a mascota Prioriño a través dun labirinto; ou rematar a lenda da "serea Maruxaina que habitaba no cabo de San Cibrán...”, invitándoos así á lectura e á pescudas sobre a lenda, entre outras cuestións. Xa na aula hospitalaria, o pirata Chosqui ten un espello no que se reflicte a cara do neno ou nena, e conta o que ten e por que está no centro hospitalario.

 
Pola súa banda, no primeiro andar seguiuse o mesmo proceso coas mesmas fases preparatorias, pero, esta vez, creouse un bosque máxico cos distintos personaxes que habitan nel. Nesta andar dos máis pequenos alúdese a cuestións básicas de cores, contrarios, ou as estacións do ano,entre outras cuestións. Xunto con isto, ademais inclúese no premio un espazo de múltiples marcos, o recuncho do artista, que hai na aula hospitalaria e que foi deseñado especialmente para a aula onde os alumnos poden deixar os seus debuxos, cartas, historias ou poemas e axudarlles falar tamén, con ese punto de partida, dos motivos polos que están no hospital.

 

Lembrar por último que o terceiro andar mariño foi seleccionado como acción galega destacable nas XI Xornadas de Humanización de Hospitais para nenos que se celebraron no ano 2018, no Hospital Infantil Vall d’Hebron de Barcelona, co lema A humanización está nas túas mans.


Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss