AS URXENCIAS DE PEDIATRÍA DUPLICAN AS SÚAS INSTALACIÓNS NUNHA NOVA ÁREA MÁIS FUNCIONAL E ACCESIBLE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 10 2021

As Urxencias Pediátricas do Hospital Universitario de Ourense duplican desde hoxe o seu espazo co seu traslado a unha área axunta, que ven de ser adaptada para esta actividade, mellorando a súa funcionalidade e posibilitando diversificar os circuitos de atención e acceso coa ampliación de consultas e boxes.

Nas súas novas instalación, mais próximas á entrada de urxencias e aos servizos centrais como radioloxía, o Servizo de Pediatría amplía de tres a seis as súas consultas de urxencias, dispoñendo de boxes específicos para a atención de críticos, para urxencias cirúrxicas ou traumatolóxicas, así coma unha área de observación integrado, para valoración de ingreso ou alta, ademáis dun novo espazo de recepción/triaxe.

Os novos espazos acolleron no seu día o Servizo Urxencias, con amplas salas de espera e consultas, pero foi preciso levar a cabo obras para instalar novos circuitos de gases medicinais, eléctricos, de voz e datos, fontanería, luces de emerxencia, sistemas detección de incendios e novas luminarias led, ademais de pequenas reformas nas consultas. e traballos de pintura e pulido do chan.

As novas consultas equipáronse tamén con novo mobiliario e, para a adaptación aos seus novos pacientes, humanizáronse os seus espazos coa imaxe gráfica dos “Bolechas” que decoran distintas paredes, grazas a súa contribución desinteresada.

O traslado culminouse onte pola tarde sen incidencias, grazas á colaboración do persoal sanitario e a coordinación dos servizos de mantemento, electromedicina, sistemas da información, loxística e celadores, sen interrumpir en ningún momento un servizo indispensable e operativo ás 24 horas os 365 días do ano.

Uso responsable das urxencias

O xefe de servizo de pediatría, Santiago Fernández Cebrián, valora moi positivamente as novas instalacións, que chegan nun periodo no que crece a actividade urxente pediátrica, derivada da incidencia, nesta época do ano, dos virus estacionais, e agora tamén da Covid. “A poboación de Ourense foi excepcionalmente responsable durante os periodos mais intensos da pandemia” refire Cebrian, que subliña a intensa reducción de urxencias durante o confinamento.

Así, o xefe do Servizo de Pediatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, confía que esta responsabilidade se manteña ao longo deste ano, facendo un bo uso das urxencias pediátricas, sobre todo tendo en conta “o altísimo nivel e profesionalidade da pediatría de Atención Primaria na nosa provincia”, subliña, lembrando que o Centro de Saúde é e debe continuar sendo o primeiro nivel de atención e a porta de acceso dos nenos e nenas aos sistema sanitario público.​ 



EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde