A XUNTA PON EN MARCHA A CAMPAÑA “Estimada-MENTE” PARA SENSIBILIZAR Á CIDADANÍA SOBRE OS DESEXOS, RETOS E EXPECTATIVAS QUE AFRONTAN A DIARIO AS PERSOAS QUE PADECEN ENFERMIDADE MENTAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 12 2021
 

​A Xunta de Galicia vai poñer en marcha a Campaña “Estimada-MENTE: Galicia coa saúde mental”, destinada a sensibilizar á cidadanía sobre os desexos, expectativas e retos que afrontan diariamente as persoas que padecen enfermidade mental. O Executivo galego quere reflectir a súa consciencia sobre os estigmas que aínda rodean a estas persoas nas relacións cotiás, ofrecéndolles un medio para demandar, coa súa propia voz, oportunidades para a integración en igualdade de condicións co resto da sociedade.

Trátase dun proxecto innovador por incluír, de xeito directo, a participación de persoas aqueixadas por trastornos mentais severos, subliñando o peso que o estigma produce no seu proceso de recuperación, pero, sobre todo, normalizando a visión que a cidadania poida ter sobre estas persoas.
 

A campaña enmárcase no desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia Poscovid, e será divulgada nas canles corporativas da Xunta de Galicia para fomentar a visión inclusiva e reparadora dos problemas de saúde mental. Búscase empatizar co padecemento destas persoas, á vez que se desmitifican preconceptos existentes.

 
O acto de presentación, que tivo lugar na sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). estivo presidido polo secretario xeral da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, e contou, así mesmo, coa participación da subdirectora de atención primaria do Sergas, Sinda Blanco, e a xefa de servizo de Saúde Mental, María Tajes.

 

No acto, o secretario xeral técnico de Sanidade remarcou que “dende a Consellería e dende o Sergas somos moi conscientes de que a enfermidade mental require unha atención prioritaria, sobre todo nun tempo de pandemia, e para abordar os problemas de saúde mental o mellor é facelo dun xeito multidisciplinar”.
 
Para o Goberno galego, a prevención dos problemas de saúde mental é unha das súas liñas estratéxicas e, a tal efecto, púxose en marcha o Plan de Saúde Mental de Galicia, “co que se están a habilitar máis recursos e máis servizos para a atención a estas doenzas”. Así, o Sergas xa incorporou a 95 dos 120 profesionais previstos para os dous primeiros anos do Plan. De cara ao vindeiro ano, o Sergas ten previsto crear 43 novas prazas, en diferentes categorías profesionais para continuar incrementando recursos neste campo da saúde mental, -sinalou o secretario xeral-.
 
Acollida moi favorable
A campaña hoxe presentada pretende, así mesmo, trasladar á poboación a responsabilidade colectiva e global na xeración de relacións respectuosas, enfatizando os padecementos que, como a todos, pódense agravar en momentos de crise, como os que nos ten tocado vivir recentemente, indicando a necesidade de previlos coa implicación de todos.
 
Ao longo do mes de decembro, o departamento sanitario galego invitou a participar no proxecto ao conxunto de entidades coas que o Sergas mantén colaboración para o desenvolvemento de programas de intervención integral das persoas que padecen un trastorno mental dende a prevención, educación e recuperación. En total, máis de 20 entidades que xestionan 15 programas de intervención sociocomunitaria dirixidas a persoas con enfermidade mental e ás súas famiilias, e 1.300 prazas en dispositivos residenciais e pisos protexidos, así como centros de rehabilitación psicosocial e laboral específicos. 
 
Todas as entidades acolleron moi favorablemente a iniciativa, por aportar tres valores fundamentais, o recoñecemento da necesidade de sensibilizar ao colectivo, o valor terapéutico da tarefa e o fomento do sentimento de pertenza e cohesión co equipo.
 
Por parte da Administración sanitaria, esta foi unha oportunidade de coñecer, da propia voz dos afectados por estes trastornos, o seu sentir e os seus desexos, de tal xeito que se poidan orientar as políticas sanitarias a estes desexos. A divulgación destes contidos poderá axudar a favorecer o acceso aos dispositivos da rede de saúde mental a aquelas persoas que poidan necesitalo.
 
A participación das entidades superou o 75%, obténdose decenas de fotografías, vídeos e outro material gráfico, primándose, logo da clasificación e selección en base ao obxecto do proxecto, os contidos audiovisuais levados a cabo por usuarios e usuarias de xeito directo e conciso.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde