GARCÍA COMESAÑA DESTACA O USO DA INTELIXENCIA ARTIFICIAL EN PROGRAMAS COMO ‘INNOCBR’ PARA A DETECCIÓN DE INFECCIÓNS NO ÁMBITO HOSPITALARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 03 2022

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta mañá no Hospital Universitario da Coruña, o X Congreso da Sociedade Galega de Calidade Asistencial (SOGACAL), un encontro no que destacou o uso da intelixencia artificial en programas como o ‘Innocbr’, o sistema de vixilancia destinado á detección de infeccións no ámbito hospitalario.
 
Este sistema, impulsado polo Servizo de Medicina Preventiva da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, en colaboración da Universidade de Vigo, é pioneiro a nivel nacional e sen precedentes en Europa, ao permitir optimizar a información dispoñible en microbioloxía clínica, laboratorio e prescripción farmacéutica.
 
Durante a xornada de hoxe, o CHUAC acolle a décima edición dun Congreso no que diferentes profesionais sanitarios abordan os retos e as oportunidades que se lle presentan ao sistema sanitario público galego, en termos de calidade asistencial. Neste senso, analizarán temas como a lei orgánica da regulación da Eutanasia, os últimos avances en innovación e investigación sanitaria, ou os diferentes ámbitos de xestión da pandemia provocada pola covid-19.
 
Na compaña do xerente da área sanitaria da Coruña, Luis Verde Remeseiro; a presidenta da Sociedade Galega de Calidade Asistencial, Berta Candia Bouso, e a presidente co Comité Organizador do Congreso, Dolores Vila Fernández, o conselleiro de Sanidade destacou que o departamento sanitario da Xunta continúa a adoptar medidas orientadas a potenciar a excelencia na prestación de servizos sanitarios.
 
Entre outras, citou algunhas das estratexias que xa está a implementar o Servizo Galego de Saúde, como son o Sistema de Notificación e Aprendizaxe para a Seguridade do Paciente, o programa de atención integral ao paciente con dor sistematizado, ou algunha das liñas de traballo actuais, como é o impulso do programa de optimización do usos dos antibióticos.
 
Co ánimo de acadar os obxectivos marcados, García Comesaña subliñou que o Sergas seguirá a realizar avaliacións internas no referente xestión da calidade, e así garantir que a poboación galega poida gozar da mellor prestación sanitaria posible. O titular de Sanidade, pechou a súa intervención agradecendo o compromiso e dedicación do conxunto de profesionais que conforman o sistema sanitario público galego pois, co seu labor, garanten a calidade e a eficiencia dos coidados aos pacientes galegos.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss