OS TÉCNICOS DE SAÚDE DO SERGAS REALIZAN PRETO DE 37.000 XESTIÓNS NOS SEUS PRIMEIROS MESES DE TRABALLO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 05 2022
Os técnicos contratados polo Servizo Galego de Saúde para realizar tarefas de apoio e dar soporte ao conxunto dos profesionais da atención primaria galega, realizaron un total de 36.919 xestións, desde a súa incorporación, o pasado 21 de febreiro.
 
En concreto, os técnicos de saúde accederon a un total de 32.513 historias clínicas de pacientes con covid, para realizar unha primeira valoración telefónica e iniciar así o seu seguimento. Ademais, levaron a cabo 3.432 xestións vencelladas con incapacidades temporais, entre as que se inclúen partes de alta, de baixa ou confirmacións por covid-19; elaboraron 974 informes médicos relacionados co coronavirus, e realizaron tarefas de seguimento  a aqueles pacientes que presentaban sintomatoloxía leve, mediante a plataforma TELEA.
 
No transcurso destes meses, a xornada que rexistrou unha maior actividade foi a do pasado luns, 25 de abril, na que se consultaron 735 historias clínicas, se realizaron 51 xestións vencelladas con incapacidades temporais e se elaboraron 2 informes médicos.
 
Asistencia ás persoas desprazadas desde Ucraína
Os técnicos incorporados polo Servizo Galego de Saúde tamén participaron na actividade asistencial prestada ás persoas desprazadas desde Ucraína, no punto de atención sanitaria que a Xunta de Galicia habilitou, o pasado 30 de marzo, na Cidade da Cultura.
 
En concreto, o departamento sanitario galego asistiu a un total de 397 persoas desprazadas, ás que se lle tramitou a documentación sanitaria acreditativa xunto cunha valoración inicial do estado de saúde, e a confección da historia clínica. Ademais, realizáronse diferentes tomas de mostra para determinadas probas; unha valoración do seu estado de inmunización, a administración de vacinas e, no caso de ser necesario, prestouse apoio psicolóxico.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde