O ÁLVARO CUNQUEIRO PRIMEIRO HOSPITAL GALEGO EN REALIZAR IMPLANTE MINIMAMENTE INVASIVO DE PROTECCIÓN NAS CARÓTIDAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 05 2022

O Hospital Álvaro Cunqueiro vén de realizar os primeiros implantes minimamente invasivos de protección nas arterias carótidas de Galicia, sendo o segundo centro hospitalario español no emprego desta novidosa técnica, que se está  a desenvolver nun estudo de envergadura mundial, so en centros seleccionados de alta capacitación.

Os dous implantes realizados ata agora leváronse  a cabo por un equipo multidisciplinar composto por especialistas en Cardioloxía, Cirurxía Vascular, Neuroloxía e Neuroradioloxía.  Os implantes  foron un éxito e os pacientes están de alta e nas súas casas, desenvolvendo a súa vida habitual.

Segundo explica o investigador principal do estudo, o cardiólogo intervencionista e director da Unidade de Investigación Cardiovascular, Victor Jiménez “trátase dunha futura opción terapéutica para protexer aos pacientes que xa sufriron un Ictus e prever así novos episodios cerebrovasculares; con este procedemento pódese diminuír ese risco de accidente cerebrovascular de xeito moi significativo, ata  nun 90% de casos”.

A maioría  dos Ictus ou accidentes cerebrovasculares prodúcense a través das arterias carótidas, que están emprazadas a cada lado do colo, e son os vasos sanguíneos que levan sangue ao cerebro e cara. Ás veces, a través do fluxo sanguíneo se desprazan tamén coágulos de sangue que, de achegarse  ao cerebro, poden causar obstrución e producir un accidente vascular.

Os pacientes susceptibles de implante de carótidas son moi seleccionados, cuns criterios moi concretos. Son pacientes con fibrilación auricular, que xa sufriron un accidente cerebrovascular e que presentan moi alto risco de que se lle repita, aínda que estean con tratamento médico, con anticoagulantes  orais.

Tecnoloxía moi novidosa e revolucionaria
O dispositivo a implantar é similar a un molle en forma de espiral de nitinol.  É unha tecnoloxía moi sofisticada, deseñada en Israel.
 
O especialista, dunha maneira minimamente invasiva, cunha picada no colo, introduce directamente o dispositivo  nas carótidas a través dunha ecografía guiada. Non necesita  anestesia ou sedación.
 
Unha vez achégase á carótida, a espiral se desprega ao redor da arteria para cubrila e protexela, actuando como un filtro que evita o desprazamento dos coágulos cara ao cerebro.
 
O Hospital Álvaro Cunqueiro foi elixido par iniciar este procedemento debido á capacidade técnica e ao potencial investigador dos seus especialistas. “Estamos moi satisfeitos con este proxecto, xa que os resultados nestes dous primeiros pacientes son espectaculares, non presentaron ningún tipo de complicación, con molestias mínimas. Temos que incrementar a casuística e hai que seguir estudando, pero todo indica que estamos ante un procedemento revolucionario na abordaxe das patoloxías cerobravasculares  e que diminuirá  a morbimortalidade dos nosos pacientes”,  asegura o Dr. Jiménez. 
 
Estudo Mundial
A Unidade de Investigación Cardiovascular, xunto co resto de servizos, está participando nun estudo internacional que ten por obxecto validar a seguridade e eficacia desta nova técnica, realizando un seguimento continuado dos pacientes durante un período de dous anos.
 
Os profesionais realizarán outros cinco implantes máis, polo que aportarán sete pacientes a esta investigación internacional.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde