Unha lesión na pel, sospeitosa de ser un melanoma, motivou a apertura dunha
vía rápida por parte dos médicos e médicas de Atención Primaria de 203 persoas
da nosa Área Sanitaria que, grazas a este circuíto rápido, foron diagnosticados
en menos de 9 días, para a maioría un alivio e para 49 deles unha cita para
pasar por quirófano, nunha media de vinte días, tras ampliar os estudos e
decidir a mellor abordaxe cirúrxica de cada caso.
No Día Mundial do
Melanoma é preciso continuar alertando á poboación dos riscos da
exposición ao sol, principal factor de risco desta patoloxía oncolóxica da pel, e da sua necesaria
colaboración na detección precoz, consultando co seu médico de
cabeceira calquera lunar ou lesión na pel “sospeitosa”, na procura de limitar
ao mínimo os seus graves efectos sobre a saúde.
A vía rápida para o
diagnóstico e tratamento precoz do Melanoma é un circuito asistencial
que ten por obxectivo captar e diagnosticar os posibles casos, ou sospeitas, deste
cancro da pel, nun tempo máximo de 15 días, na procura de detectar esta
enfermidade nos seus estadíos iniciais, o que aumenta as súas probabilidades de
plena curación. Grazas a esta vía, en Ourense a primeira consulta
especializada produciuse antes de tres días, en 2021.
Trátase de aumentar
a detección precoz e as posibilidades de curación, xa que pese a que o Melanoma
ten unha incidencia poboacional crecente, con máis de 15 casos por cada
100.000 habitantes, a moda de “lucir moreno” todo o ano, os raios UV, a
frecuencia das queimaduras solares na infancia, dos que hoxe
teñen entre 40 e 60 anos, o aumento das horas de exposición e a deficiente
protección da pel cun adecuado filtro solar fai que as cifras aumenten
progresivamente. Afortunadamente, pese a este aumento, a mortalidade está a descender
precisamente grazas ao diagnóstico nun estadío inicial, o que aumenta as posibilidades de
supervivencia ata o 90%.
Pioneiros e papel clave da Primaria
Ourense foi unha
das primeiras provincias onde se puxo en marcha este circuito rápido, nos tres
distritos sanitarios de Ourense, Verín e Valdeorras, xa a finais de 2013, grazas a
colaboración dos servizos de Dermatoloxía, Anatomía Patolóxica, Cirurxía Xeral,
Atención Primaria, Radiodiagnóstico, Medicina Nuclear e Oncoloxía, un equipo multidisciplinar
responsable da súa detección, diagnóstico e tratamento.
Aquí partiamos coa ventaxe
da pronta implantación da Teledermatoloxía en Atención Primaria, sendo ademais
pioneiros a nivel Galicia, desde o ano 2000, na biopsia do Ganglio Centinela.
Trala súa pilotaxe
en Ourense, no Centro de Saúde Valle Inclán,
en 2019 aumentáronse os dermatoscopios en Atención Primaria, ata chegar a dez, para dar cobertura a todos os centros de saúde
cun criterio comarcal. Esta proba permite analizar a estrutura cutánea profunda, esencial para o diagnóstico das lesións ou tumores da pel.
Esta técnica
diagnóstica, amplamente estendida en Dermatoloxía, é de gran utilidade para o
manexo diagnóstico das lesións hiperpigmentadas, moi frecuentes no
ancian, e especialmente, para o diagnóstico precoz do melanoma
maligno.