​A XUNTA CONSTRUIRÁ EN RIBADEO UN NOVO CENTRO DE SAÚDE QUE SUPERARÁ NUN 30% A SUPERFICIE DO ACTUAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 05 2022
 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde do concello de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para a cesión dos terreos no que se construirá o futuro novo centro de saúde na localidade mariñá. A nova infraestrutura superará nun 30% a superficie do actual centro de saúde, ao tratarse dunha edificación de máis de 2.500 metros cadrados.
 
Acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fouz; e o xerente da área sanitaria, Ramón Ares Rico; o titular da carteira sanitaria da Xunta enumerou o conxunto de melloras que incluirá o novo inmoble, e do que se beneficiarán os máis de 9.000 veciños deste municipio, así como os usuarios dos concellos próximos que acoden ao Punto de Atención Continuada.
 
O titular do departamento sanitario da Xunta salientou a necesidade de dotar a Ribadeo cun novo centro de saúde debido á lonxevidade e á pouca funcionalidade que posúe o actual centro sanitario. “A carteira de servizos deste centro foi aumentando ao longo dos anos e tivo que axustarse a un inmoble que xa non dá máis de si”, apuntou o conselleiro, ao tempo que precisou que “tiñamos claro que era necesario un centro maior, máis funcional, máis accesible e con máis capacidade de crecemento”.
 
O novo centro de saúde
A nova infraestrutura sanitaria permitirá ampliar os espazos dos servizos de Fisioterapia e Radioloxía; e estará dotada con dúas novas salas de técnicas para facer cirurxías menores, ecografías, espirometrías ou retinografías. Así mesmo, tamén contará cunha sala polivalente, consultas para o programa da muller e unha consulta de hixiene dental. Do mesmo xeito, disporá dun espazo para o persoal do 061, contando con aparcamento de ambulancia a cuberto, sala de estar e dous dormitorios.
 
No referido ao Punto Atención Continuada, ademais de aumentar as consultas, tamén se poderá habilitar un circuíto propio de entrada e saída e unha área propia de admisión, que serán independentes dos de atención ordinaria.  No mesmo PAC, habilitarase unha sala de observación -con dous postos de padiola e aseo-, xunto cun box de críticos, unhas instalacións coas que non se podía contar no centro sanitario actual, debido á falta de espazo.
 
O novo centro de saúde tamén contará cunha sala de xuntas e un despacho de coordinación para os profesionais sanitarios, ademais de posuír dúas consultas de docencia para formar en Ribadeo, ao novo persoal de atención primaria.
 
Durante a súa intervención García Comesaña puxo en valor a actitude dialogante do concello de Ribadeo, agradecendo a súa colaboración á hora de planificar este proxecto. Neste senso, apuntou que “con planificación, previsión, diálogo e xenerosidade, os proxectos avanzan e as melloras fanse realidade.
 
Dous novos profesionais para a atención primaria de Ribadeo
Sobre a formación e a ampliación do persoal médico na localidade mariñá, García Comesaña remarcou que o pasado mes de novembro, a Xunta de Galicia remitiu ao Goberno de España a solicitude para acreditar 64 novas prazas MIR para Galicia, e que, unha delas terá como destino previsto o PAC de Ribadeo.
 
Ademais, subliñou o máximo responsable da Sanidade galega, con anterioridade á chegada deste facultativo, desde o mes de setembro do presente ano a localidade de Ribadeo contará cun novo profesional médico estable no seu centro de saúde, ao estar contemplada esta praza pola Xunta, na recente convocatoria de 106 prazas de facultativos especialistas en atención primaria.
 
Renovación da atención primaria na provincia de Lugo
O Executivo galego segue avanzando no proceso de renovación da atención primaria en Galicia. Así, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, a Xunta continua a construír novas infraestruturas e a mellorar os seus equipamentos.
 
O conselleiro detallou algunhas das obras e os proxectos iniciados na provincia lucense, destacando a vindeira licitación do novo centro de saúde de Antas de Ulla.
 
No eido das reformas, a Xunta reformará os centros de saúde da Milagrosa en Lugo e o centro de saúde de Meira, ademais de acometer a ampliación do centro de saúde de Outeiro de Rei. Ademais, explicou que a consellería de Sanidade está á espera de recibir unha oferta formal de terreos, por parte dos concellos, para construír os novos centros de saúde de Pantón e do Sagrado Corazón en Lugo.
 
No que atinxe aos hospitais, García Comesaña salientou o importante avance que experimentou nestes anos o Hospital Público da Mariña, cuxa ampliación superou os 9.500 metros cadrados, tras un investimento de 13 millóns en obras, e 2 millóns de euros en equipamento. Ademais, tamén destacou as obras de eficiencia enerxética do inmoble, valoradas en 1,8 millóns de euros.
 
Así mesmo, abundou o conselleiro, a Xunta atópase nestes intres supervisando, o proxecto arquitectónico para as fases II e III do Plan Director do hospital, no que se contempla un novo edificio e a remodelación de 8.000 metros cadrados do existente. Un proxecto que suporá un investimento aproximado de 15 millóns de euros.
 
En total, máis de 30 millóns aos que se engaden as partidas para equipar os centros sanitarios. Neste eido, destaca a recente autorización dun equipo de resonancia magnético valorado en 900.000 e que se instalará de xeito fixo no Hospital da Mariña , a adquisición de dous equipos radiocirúrxicos por valor de 180.000 euros, un ecógrafo por un importe de 40.000 euros, e a futura adxudicación dun contrato valorado en máis de 120.000 euros,  para renovar 6 lámpadas cirúrxicas neste hospital.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud