O IDIS PRESENTA A SÚA MEMORIA 2021 CUN AUMENTO DO 32% NA CAPTACIÓN DE FONDOS, QUE SUPERAN OS 46 M€ E MÁIS DE MIL PUBLICACIÓNS CIENTÍFICAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 06 2022


O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) presentou esta mañá a súa memoria anual do ano 2021 cuns datos que avalan a relevancia do centro como pioneiro en investigación científica sanitaria en España, tanto polos seus recursos, como polo número de estudos, publicacións e investigadores.

Durante o pasado ano, o IDIS superou os 46 M€ en captación de fondos, un 32% máis que en 2020 e o dobre que en 2016 e, con eles, sufragou 128 proxectos por valor de case 19 M€; 100 ensaios clínicos e 120 estudos, por máis de 5 M€; 512 contratos de provisión de servizos, cun investimento total de 14 M€ e a creación de 77 novos postos para investigadores por valor de 6 M€. 

O acto de presentación estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen estivo acompañado polo reitor da USC, Antonio López, a xerente da área Sanitaria, Eloína Nuñez e a directora científica do IDIS, Luz Couce. 

Comesaña destacou que “os indicadores conseguidos polo persoal do IDIS durante o ano 2021 son magníficos, e manteñen unha liña ascendente dende o inicio deste organismo, no ano 2008”. Ao tempo que remarcou a tendencia a alza dos principais indicadores deste instituto, entre os que destacou a produción científica, “posto que o IDIS superou por primeira vez a barreira das 1.000 publicacións científicas, incrementando tamén o impacto global”.

No que se refire á captación global de fondos, o conselleiro sinalou que “se incrementou en máis de dez millóns a captación do ano 2020. Destes 46 millóns, uns 20 corresponden a proxectos competitivos e á adquisición do equipamento máis avanzado”.

A captación de talento tamén é destacable, acadando, -dixo o conselleiro-, “preto de 80 contratos novos en concorrencia competitiva, en todas as etapas da carreira investigadora”.

Estes resultados hoxe presentados “son froito da capacidade, talento, esforzo e constancia dos traballadores do IDIS”, aos que o conselleiro felicitou, así como á directora do instituto e á xerencia da área sanitaria.

Ao 31 de decembro, 1.161 persoas traballaban no IDIS, integrados nos 99 grupos de estudo que se organizan ao redor das súas 6 áreas de investigación: oncoloxía, xenética, endocrinoloxía, neurociencias, inflamación e plataformas e metodoloxía. 

Deses máis de mil profesionais, máis do 61% pertencen ao Servizo Galego de Saúde e algo menos do 39% están adscritos á Universidade de Santiago de Compostela, USC. 

En canto á publicación de artigos por ano, os 1.023 de 2021 apareceron en 527 publicacións internacionais indexados no ‘Journal Citation Report’, cun impacto acumulativo de máis de 7.000 puntos. Como mostra do incremento do impacto, en 2020 publicáronse 100 artigos menos, 923, pero o impacto foi de algo menos de 5.500 puntos. 

Nesta mesma liña atópanse os 128 proxectos dos que 83 son nacionais, 34 rexionais e 11, internacionais. Á inversa ocorre cos 100 ensaios clínicos dos que 85 teñen carácter internacional, e no caso do total doutros estudos, 120, o maior peso preséntano os nacionais, con 56 seguidos dos locais, con 35, os internacionais con 24 e finalmente os rexionais con 5. 

Máis información sobre o IDIS 

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 como froito da colaboración entre o SERGAS e a Universidade de Santiago de Compostela. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de máis de 1.000 investigadores, 94 grupos de investigación, 29 M€ de fondos e 65 proxectos de investigación captados, o IDIS contribúe co seu labor para incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde