O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA O DISPOSITIVO QUE SE PON EN MARCHA CADA VEZ QUE SE PRODUCE UNHA DOAZÓN DE ÓRGANOS E NO QUE PARTICIPAN ENTRE 80 E 100 PROFESIONAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 06 2022

“Cada vez que se produce unha doazón de órganos, ponse en marcha un dispositivo organizativo no que participan entre 80 e 100 profesionais de distintos colectivos”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Hospital Álvaro Cunqueiro, na Exposición Salvavidas: Traballo sobre a Doazón e o Transplante de Órganos, consistente en esculturas feitas en escaiola  de mans que ofrecen a doazón de órganos e tecidos. Mans que corresponden, -tal e como sinalou o conselleiro-, a alumnos do IES Ribeira do Louro de Porriño, ademais de a autoridades e a profesionais que forman parte do proceso de doazón, así como a diversos doantes.

Estas mans representan, -dixo García Comesaña-, “o traballo que se fai en Galicia dende hai mais de catro décadas. Dende entón podemos falar de máis de 3.100 doantes que posibilitaron superar os 9.000 transplantes de órganos”. Máis aló das cifras, o conselleiro dixo que “hai que fixar os ollos na fortaleza dos valores de solidariedade, empatía e altruísmo da nosa sociedade”. 

Segundo o responsable do Sergas, o acto que hoxe tivo lugar no Álvaro Cunqueiro representa o labor de coordinadores de transplantes, profesionais sanitarios, de transporte, xuíces, forenses, e de toda a xente que participa neste proceso, “que realiza un labor inestimable, aínda que a figura do doante é a verdadeira chave do mesmo, xa que, grazas á súa solidariedade, podemos dar resposta aos pacientes que agardan por un órgano para poder mellorar a súa calidade de vida”.

García Comesaña expresou os seus parabéns ao profesorado e ao alumnado do Instituto IES Ribeira do Louro de Porriño, por esta iniciativa artística, felicitación que tamén trasladou á Consellería de Educación e á coordinación autonómica de transplantes de Galicia e a todos os que colaboraron neste proxecto.

No acto de hoxe tamén estiveron presentes, a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias; a directora xeral de Innovación e Ordenación Educativa, Judith Fernández Novoa; o alcalde de Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso; o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto; así como a directora, docentes e alumnos do Instituto de Ribeira do Louro de 3º e 4º de ESO.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud