A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo
que coordina as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade
galega, recomenda ter precaución co consumo de alcohol, a condución
e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración
da Noite de San Xoán.
Un ano máis, a Central de Coordinación do 061
reforza o seu persoal na franxa horaria que ten lugar esta
celebración ante o incremento da demanda sanitaria. Así, as
intoxicacións etílicas ou por drogas, os accidentes
de tráfico e as queimaduras producidas no ámbito das cacharelas
constitúen a causa principal das chamadas de consulta e asistencia
sanitaria.
No
caso de celebrar a tradicional festividade das fogueiras de Xan Xoán
é importante seguir os seguintes consellos:
En
primeiro lugar, as fogueiras supoñen un compoñente de perigo, tanto
polo lume como polo fume producido nas mesmas. Por iso, é importante
elixir o sitio onde facer as cacharelas.
Non debe ser en lugares pechados, evitando
a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura
e a distancia do lume a estes.
Para
prender as fogueiras non deben
utilizarse líquidos inflamables e non se debe arroxar ao lume
envases herméticos, sprays,
pilas, nin manipular petardos cerca do mesmo. É recomendable ter
sempre a man extintores ou auga por se fora necesario. Unha vez
prendido o lume, se debe evitar que os nenos se acheguen ás
fogueiras e extremar as precaucións.
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aconsella
situarse de costas á dirección do vento, especialmente se sofre
dalgunha patoloxía respiratoria, para evitar que as chamas e o fume
se dirixan cara vostede e así non sufrir lesións por lume e
inhalación de fumes.
Á
hora de saltar as cacharelas débense
evitar as pezas de roupa sintéticas e utilizar preferiblemente as de
algodón. No caso de que a súa roupa prenda lume, non corra. Só
conseguirá avivar as lapas e dificultar que as apaguen. Tírese ao
chan e móvase ou quede quedo mentres as apagan.
Se
algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante
alertar ao 061 inmediatamente. Mentres
chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os
consellos necesarios. Como norma xeral, é útil lavar con abundante
auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso
de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.
Tamén é importante non
realizar desprazamentos en automóbil no caso de consumir alcohol ou
drogas, xa que o consumo destes pode
propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen
os accidentes de tráfico.
San Xoán 2021
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu na
Noite de San Xoán do pasado ano 26 intoxicacións, catro accidentes
de tráfico, con tres persoas implicadas, e unha queimadura provocada
polas fogueiras. O período contabilizado foi desde as 21,00 horas,
do mércores 23 de xuño, ata as 09,00 horas, do xoves 24 de xuño.
Pontevedra con 12 intoxicacións
etílicas ou por drogas foi a provincia
que rexistrou
o maior número de atencións,
seguidas da Coruña con 10, e Lugo e Ourense con dous ambas as dúas.
Para asistir ás 26 intoxicacións, o 061 de Galicia desprazou dous
ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado, catro equipos
sanitarios de atención primaria e 21 ambulancias asistenciais de
soporte vital básico. Cinco persoas foron atendidas no punto e non
requiriron traslado, dúas foron trasladadas ao centro de saúde e 19
a un centro hospitalario.
Ademais, na Noite de San Xoán do ano pasado
atendeuse unha persoa, menor de idade,
por queimaduras na
provincia da Coruña que foi trasladada a un
centro sanitario.
No
caso dos accidentes
de tráfico foron
asistidas tres persoas en catro accidentes de tráfico. Dous
sinistros producíronse na provincia da Coruña, un en Pontevedra e
un en Ourense.