O Consello da Xunta autorizou na súa xuntanza de hoxe a prórroga dos concertos
subscritos entre o Servizo Galego de Saúde e as universidades de Santiago de
Compostela, A Coruña e Vigo. A renovación desta colaboración coas tres universidades
públicas galegas permite a utilización das institucións sanitarias para obxectivos
docentes, asistenciais e de investigación.
Esta colaboración –iniciada no 2001- conta cun orzamento global que ascende a
4.769.626 euros para un período dun ano: o segundo semestre de 2022 e o primeiro
semestre de 2023.
Esta achega representa un dobre compromiso por parte da Consellería de Sanidade e do
Servizo Galego de Saúde. Por unha banda, cos seus profesionais para que compatibilicen
a actividade asistencial coa actividade docente e investigadora. Pola outra, representa o
compromiso co alumnado ao poñer á disposición do sistema universitario galego todos
os seus recursos.
O orzamento dos concertos está destinado a financiar todo o custo de persoal derivado
da dispoñibilidade para a docencia pregraduada, posgraduada e continuada dos
profesionais. Tamén o cumprimento dos acordos e obxectivos específicos adquiridos coa
colaboración como a formación dos alumnos de ciencias da saúde para conseguir os
mellores profesionais do futuro e o mantemento da cualificación dos profesionais ao
seu máis alto nivel. Así como traballar para que as ensinanzas universitarias
relacionadas coas ciencias da saúde poidan ser utilizadas para a mellora constante da
atención sanitaria.
Ademais, os concertos potencian a investigación das ciencias da saúde, coordinando as
actividades das universidades coas das institucións sanitarias para unha mellor
utilización dos recursos humanos.