A XUNTA PON EN MARCHA UN PROTOCOLO DE ACTUACIÓN ANTE CASOS SOSPEITOSOS DE SUBMISIÓN QUÍMICA NA SANIDADE PÚBLICA GALEGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 08 2022

Galicia conta xa cun protocolo unificado de actuación ante casos sospeitosos de submisión química no seu sistema sanitario. Así o destacou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, tralo seu encontro co director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, que lle trasladou un documento xa remitido ás sete áreas sanitarias para comezar a funcionar de inmediato pero que estará suxeito a permanente revisión e actualización coas achegas que se reciban.

Nese sentido, Lorenzana fará chegar este documento ao Observatorio Galego da Violencia de Xénero, dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para que o seu contido sexa trasladado aos seus membros e sexa sometido a alegacións. Neste Observatorio participan, ademais de diversos departamentos da Xunta, representantes da Delegación do Goberno, da FEGAMP, do Tribunal Superior de Xustiza, da Fiscalía Superior, de asociacións de mulleres, de organizacións sindicais e empresariais e de colexios profesionais como os de avogacía, psicoloxía, traballo social ou educación social.

O protocolo elaborado polo Sergas tomou como base o que se realizara con anterioridade no servizo de urxencias da área sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras, sistematizándoo, adaptándoo a un formato común para todas as áreas sanitarias e estendéndoo tamén á atención primaria.

En concreto, o protocolo define as substancias máis habituais nos casos de submisión química e os indicadores de sospeita que deberá ter en conta o persoal sanitario tanto de atención primaria como de urxencias hospitalarias, indicando sempre a derivación a estas últimas no caso de sospeita. Dentro dos servizos de urxencias, o protocolo define os motivos de consulta que deben rexistrarse na historia clínica durante o proceso de triaxe e realiza recomendacións como a realización da anamnese (preguntas ao paciente) nun box pechado e da exploración física ante testemuñas tanto sanitarias como, se así o quixera a persoa afectada, de acompañantes súas.

Finalmente, o protocolo fixa as probas diagnósticas e toxicolóxicas a realizar ante este tipo de casos, tanto para detectar consecuencias clínicas da submisión química como para descubrir as substancias empregadas no presunto delito. Neste último caso, o documento indica os marcadores a realizar á hora da petición destas probas mediante o sistema de historia clínica electrónica e define os procedemento médico legal para, trala correspondente denuncia, recoller estas mostras e garantir unha cadea de custodia en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e do Instituto de Medicina Legal de Galicia. 

Por último, o protocolo establece a necesidade de estender un parte de lesións en todos os casos e marca unhas pautas de seguimento clínico posterior para, segundo as circunstancias do caso, proceder á profilaxe ante posibles infeccións ou á derivación a unidades de saúde mental ou de traballo social para apoio á vítima.

Aumento de casos

A exposición de motivos do protocolo define a submisión química e destaca que o Instituto Nacional de Toxicoloxía ten detectado nos últimos anos un aumento dos casos de agresións sexuais en situacións de abuso de alcol e doutras drogas e tamén de uso intencional de substancias químicas. Nestes casos a vítima adoita ser unha muller nova, habitualmente menor de 30 anos, mentres que o agresor adoita ser un home que, nunha alta porcentaxe dos casos (ata no 70%), é un coñecido da vítima.

O protocolo identifica como drogas habituais nestes casos aquelas substancias solubles nun medio acuoso que non adoitan dar olor, sabor ou cor á bebida na que se empregan, que son efectivas a doses baixas e que teñen efectos inespecíficos que poidan confundirse cunha intoxicación etílica ou unha enfermidade, e así non levantar sospeitas.

Estas drogas poden ir desde as benzodiacepinas ata alcaloides como a burundanga, analxésicos como a ketamina ou o fentanilo, pasando por barbitúricos como a éxtase líquida (GHB) ou opiáceos, LSD e outros derivados alucinóxenos. Todas elas producen unha afectación do estado de conciencia de forma relativamente rápida e prolongada e ocasionan un maior ou menor grao de amnesia que pode levar á vítima a dubidar sobre a existencia dunha agresión sexual e que, en todo caso, dificultan a súa capacidade de achegar datos e detalles.

Ante estas situacións, o obxectivo deste protocolo é sistematizar a sospeita, o diagnóstico, o tratamento e o seguimento das vítimas e coordinar as actuacións entre a sanidade pública e os servizos policiais e xudiciais para asegurar o correcto tratamento da vítima e facilitar a persecución do delito.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde