​A XUNTA E O CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO MELLORARÁN O CENTRO DE SAÚDE DESTE MUNICIPIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 08 2022


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa Domínguez; asinaron esta mañá un convenio de colaboración no que se establecen as bases para o financiamento de varias melloras no centro de saúde da localidade.

O acordo permitirá renovar as cubertas do soportal existente na entrada principal, do corpo anexo,  así como o seu illamento térmico. Ademais, construirase un soportal cuberto no lateral dereito para o acceso dos pacientes desde a ambulancia, substituirase a carpintería exterior por outra con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento, modificarase a rampla de acceso para cumprir coa normativa de accesibilidade. Así mesmo,  procederase á rehabilitación da construción anexa que acolle a sala de caldeiras para crear unha sala COVID, á retirada do azulexo desprendido e novo azulexado dos aseos e o almacén, á ampliación de oco da porta da sala de urxencias e colocación de nova porta, o pintado interior de todo o edificio e colocación de falsos teitos en planta baixa, a adecuación instalación eléctrica á normativa vixente e a reparación de radiadores da instalación de calefacción.

Este novo convenio da cumprimento ao compromiso da Xunta para levar a cabo a renovación integral do centro de saúde de Campo Lameiro, tal e como anunciou o conselleiro de Sanidade tras a visita o pasado mes de febreiro ás obras de reforma da cuberta do centro de saúde, por un importe de máis de 47.000 euros.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Campo Lameiro contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.


Colaboración da Xunta cos centros de saúde de titularidade municipal

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas de atención primaria existentes na nosa comunidade. Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 101 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 obras que están arestora en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os da Parda (Pontevedra), Tenorio (Cerdedo-Cotobade), Vilalonga (Sanxenxo), San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Marín, Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, A Estrada e Bouzas (Vigo), e as reformas de Vilaboa, Illa de Arousa, Tomiño, Crecente, Valga e Pazos de Borbén e os centros vigueses de Lavadores e rúa Cuba, mentres que xa están en marcha as obras de construción do novo CIS de Lalín e da ampliación do centro de saúde do Porriño.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. 

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Vilanova de Arousa, Agolada, Cuntis, Cambados, Covelo, Mondariz-Balneario, Campo Lameiro, Fornelos de Montes ou Rodeiro. 

A Xunta, continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal.  Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o ano 2022 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2007 cerca de 11 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que en concreto para a provincia de Pontevedra ascendeu a 1,9 millóns de euros. Concretamente, o Concello de Campo Lameiro recibe 7.082 euros anuais para financiar o mantemento do seu centro de saúde.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora financiando as actuacións cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.  


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde