Hoxe conmemórase o Día Mundial do Mieloma
Múltiple (MM), segundo cancro do sangue máis frecuente, producido polo
crecemento anómalo das células plasmáticas da médula, e que en Ourense afecta a
máis dun centenar de pacientes, seguidos polo Servizo de Hematoloxía e
Hematoterapia, da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, que oferta unha atención
integral ao proceso diagnóstico e tratamento.
As células plasmáticas da médula forman
parte do sistema inmunolóxico -ou de defensa fronte as infeccións- polo que o
seu aumento altera o seu funcionamento, afectando a todo o organismo,
especialmente a nivel óseo; distorsiona o mecanismo de “renovación” e causa
anemia -polo descenso dos glóbulos vermellos- aumentando o risco de infeccións,
poidendo causar tamén insuficiencia ou fallo renal.
Esforzo colectivo nos tratamentos
En Ourense diagnostícanse anualmente entre
oito e doce casos, unha incidencia un pouco superior á media debido á maior
porcentaxe de persoas maiores de 65 anos, grupo de idade onde ten maior
afectación.
Pese a que a día de hoxe aínda non existe
unha cura definitiva para o Mieloma, o avance dos tratamentos permite contar
con alternativas terapéuticas que garanten, en moitos casos, unhas expectativas
de supervivencia acordes coa esperanza de vida.
Esto é debido ao esforzo investigador e ao
importantísimo investimento destinado ao seu tratamento, por parte dos servizos
sanitarios públicos. Mostra delo que o tratamento farmacolóxico anual dun
paciente supera os 50.000 euros anuais, só no tratamento inicial, duplicándose
ou triplicándose ante recaídas. En 2020, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e
Valdeorras destinou un orzamento de case tres millóns de euros a estes
tratamentos. Sen dúbida, un motivo orgullo colectivo.