A XESTIÓN DA ATENCIÓN PRIMARIA GALEGA, PREMIADA POLA SÚA EXCELENCIA INNOVADORA E SOSTIBLE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 10 2022

​A directora Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, vén de recoller, no museo Reina Sofía de Madrid, o galardón entregado polo “Club Excelencia en Xestión” nos seus “V premios ás boas prácticas en xestión 2022”, pola iniciativa dos plans locais de saúde do departamento que dirixe Julio García Comesaña como estratexia organizativa excelente, innovadora e sostible realizada no ámbito sanitario. 

Esta nova iniciativa de planificación sanitaria implementada desde o pasado ano en 14 servizos de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, foi recoñecida entre máis de 75 candidaturas, sendo a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a única entidade pública  premiada. 

O “Club Excelencia en Xestión”, é unha entidade independente e sen ánimo de lucro dedicada a mellorar os resultados corporativos das organizacións promovendo unha xestión excelente, innovadora e sostible. Este club está conformado por máis de 230 entidades de todos os sectores, sendo a única organización do territorio nacional que pode outorgar selo de calidade EFQM. 

42 Plans Locais de Saúde en Atención Primaria

Os Plans Locais de Saúde son instrumentos “vivos, abertos e participativos” que facilitan o desenvolvemento do novo modelo de atención primaria. Un novo modelo sustentado na eficiencia e a proactividade da atención sanitaria a través da descentralización da autonomía de xestión aos propios centros de saúde, o que permite situar a Galicia nunha posición de liderado na transformación do modelo da atención primaria en España. 

Os plans locais de saúde representan unha poderosa ferramenta de planificación estratéxica a nivel local que permite fixar obxectivos e accións de mellora específicas para cada un dos centros de saúde segundo as necesidades da súa poboación. 

Estes plans son deseñados de maneira multidisciplinar polos propios profesionais dos centros, máximos coñecedores das características da súa poboación. Eles son os que definen as accións para desenvolver para alcanzar os obxectivos estratéxicos marcados desde as Consellería, como son o fomento da atención integral ao paciente, potenciar a función comunitaria así como a mellora da satisfacción de profesionais e cidadanía.

O pasado mes de xullo, estes plans de saúde locais foron valorados pola cidadanía cun notable. Actualmente o Servizo Galego de Saúde conta con 14 plans locais de saúde aprobados e en desenvolvemento, así como outros 28 en fase de elaboración estando prevista a súa aprobación no último trimestre deste ano.  

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde