María Santos
Rodríguez ven de ser nomeada subdirectora de enfermería do Distrito Sanitario
de Valdeorras, tomando o relevo de Ana Prieto Blanco, nova directora de Enfermería do Complexo
Asistencial Universitario de León, e coa que traballou como supervisora de enfermería das áreas de laboratorio, oncoloxía e radioloxía, asumíndo tamén co
inicio da pandemia o Covid Auto e os traslados.
Nada no concello de A Rúa, con
praza como persoal estatutario fixo como enfermeira desde 2008 por oposición, a
súa carreira profesional está vencellada desde moi pronto ao Hospital Público de
Valdeorras, onde traballa de xeito prácticamente continuado desde 2001, tras un
período no Hospital do Bierzo, e previamente no Hospital Universitario de
Ourense e en atención primaria, onde exerceu en distintos centros de saúde de
Valdeorras.
Previamente a
facerse cargo da supervisión de enfermería, en 2014, a súa experiencia profesional
vai da man da área médica, na planta laranxa, que hoxe acolle cirurxía, obstetricia
e pediatría, hai uns anos dedicada case integramente ao ingreso de pacientes de
medicina interna.
Diplomada en
Enfermería pola Universidade de Vigo en 1998, posúe unha amplísima formación
nas distintas áreas de coidados, con cursos especializados de Coidados
Paliativos; de Enfermería Maternal, e de Enfermería Médico-Cirúrxica, asi como asistencia a numerosos cursos e obradoiros desde a
atención oncolóxica, á pediátrica, cirúrxica, saúde mental, urxencias, coidados e curas, fármacos,
problemas renais, coronarios, vasculares, neurolóxicos, violencia de xénero,
pediatría e un longo etcétera.
A súa formación
tamén abrangue aspectos máis relacionados coa xestión, a calidade e a seguridade
dos servizos de enfermería hospitalario e de atención primaria con cursos
acreditados de Xestión Enfermeira de Calidade; de Xestión dos Servizos de
Enfermería, ou de Ética, Lexislación e Administración dos Servizos de
Enfermería.