A Unidade da
Dor do Hospital Universitario de Ourense é a primeira do país acreditada
coa nova norma ACDON (de Acreditación da Dor Oncolóxica), pola
Sociedade Española de Calidade Asistencial (SECA), que cualificou cun nivel de excelencia
o seu proceso asistencial en resposta á dor do paciente con cancro.
A doutora Luz
Cánovas, responsable da unidade ourensá, unha das decanas de España, acompañada
de todo o seu equipo, recolleu hoxe a acreditación de mans de Berta Candia, representante
da SECA e vogal da Sociedade Galega de Calidade (SOGALCA), nun acto que
tamén contou coa asistencia de Albert Cortada, director xeral de Ferrer,
compañía que colaborou coa Sociedade de Calidade na creación desta nova
norma.
Esta norma é a
primeira que se desenvolve en Europa para facilitar a mellora continua na
atención aos/ás pacientes con dor oncolóxica, e é froito do traballo de consenso
realizado por profesionais de diferentes disciplinas: anestesiología,
oncoloxía, medicina familiar, enfermería, psicoloxía, representantes de pacientes
e expertos en métodos de investigación cualitativa en calidade
asistencial.
A acreditación ten
por obxectivo establecer un sistema de avaliación de calidade dos Servizos e
Unidades que atenden pacientes con dor oncolóxica que sexa útil para o
conxunto de Centros hospitalarios do Sistema Nacional de Saúde, para
facilitar e visualizar o seu traballo, encamiñado á mellora continua da
Calidade Asistencial, explican desde a Sociedade Española de Calidade
Asistencial.
ACDON estrutúrase
en oito apartados que abarcan desde a avaliación do paciente con dor
oncolóxica, e as alternativas
terapéuticas, ata a satisfacción
experiencia do paciente e a seguridade do paciente. Cada un contén, á súa vez,
unha serie de criterios de calidade que contan cada un cunha definición
operativa e indicación da fonte onde obter a información que facilitaría
o cumprimento de cada criterio.
A Unidade da
Dor do Hospital Universitario que lidera a doutora Luz Cánovas, realizou
a criterio da SECA, un procedemento impecable que se iniciou antes da
pandemia cunha avaliación preparatoria da acreditación que permitiu
observar cal era a situación e traballar os estándares de calidade nun
proceso de mellora continua, que lle permitiu obter o máximo nivel
previsto na mesma, o nivel EXCELENTE; sendo a primeira Unidade da Dor de España
en conseguilo.
A doutora Luz Cánovas,
xefa de sección do servizo de Anestesia e Reanimación no Hospital
Universitario de Ourense, ademais de responsable da Unidade de Dor, destacou
o seu orgullo por esta cualificación, que premia o traballo desenvolto "é un
orgullo ser a primeira unidade da dor de España en conseguir superar esta esixente
norma" ademais, para Cánovas, "é moi importante, porque colocamos ao
paciente e ao familiar con dor e cancro no eixo fundamental da atención
e o tratamento?.
Así mesmo, a
responsable desta unidade da dor galega agradeceu a inestimable
colaboración dos profesionais da Unidade de Calidade e do Servizo
de Sistemas de Información da área Sanitaria de Ourense, nun proceso que
axudará á mellora continua da atención a estes pacientes.