“O
Servizo Galego de Saúde creará unha vía rápida de atención
sanitaria e psicosocial a mulleres e nenos en situación de violencia
de xénero, en colaboración cos dispositivos e axentes implicados
nesta atención”. Así o anunciou a xerente do Sergas, Estrella
López-Pardo, no transcurso da xornada Violencia de Xénero: Cribado
e diagnóstico desde os servizos de saúde, que tivo lugar no salón
de actos da Consellería de Sanidade.
A
representante da sanidade pública galega manifestou que, no ámbito
sanitario, “coñecemos a transcendencia deste grave problema e o
seu impacto na saúde e somos conscientes da importancia que teñen
as nosas actuacións para detectalo e contribuír a eliminalo”. Ao
respecto, no Sergas “contamos cun grupo de traballo
interdisciplinar que fai un gran labor” e que reúne a diversos
profesionais que colaboran no deseño de actuacións e programas
públicos en materia de violencia de xénero no ámbito sanitario.
Como
consecuencia do conxunto de medidas postas en marcha, a xerente do
Sergas destacou o Procedemento de cribado e actuación en saúde,
elaborado a finais do ano 2020, “co obxecto de mellorar a detección
temperá e establecer unhas pautas normalizadas que servisen de guía
na busca activa de mulleres en situacións de violencia de xénero
que acoden aos centros sanitarios da rede do Sergas”. Como
novidade, -proseguiu a xerente-, “disponse dunha ferramenta que
facilita a súa realización dende a historia clínica electrónica”,
supoñendo vantaxes para os profesionais de cara á súa realización
e seguimento.
Ademais,
o pasado mes de outubro, o Observatorio Galego de Violencia de Xénero
aprobou o Procedemento de atención a mulleres vítimas de agresión
sexual e o Procedemento de actuación do Sergas ante casos de
sospeita de submisión química. No que atinxe á actuación nos
servizos de urxencias dos hospitais, a xerente remarcou que o
procedemento de atención a mulleres vítimas de agresión sexual
“axiliza aínda máis o acceso á atención sanitaria”,
implicando ao persoal administrativo de urxencias que, ante unha
solicitude de asistencia por este motivo, deberá informar
inmediatamente ao persoal de triaxe para a súa atención. Así
mesmo, -proseguiu Estrella López-Pardo- no triaxe quedará
rexistrado como alta prioridade na atención, o que implica que a
persoa debe ser atendida nos primeiros dez minutos. Ademais, para
evitar a vitimización secundaria destas mulleres tras a agresión,
“realizarase a avaliación xinecolóxica e forense nun só acto,
realizando o recoñecemento de maneira simultánea e coordinada”.
Polo
que atinxe ao segundo dos procedementos, o da actuación do Sergas
ante casos de sospeita de submisión química, a xerente do Sergas
sinalou que encamiña a actividade da asistencia sanitaria ao xulgado
de garda e o Imelga, establecendo un proceso único, que dá unha
resposta integral. No protocolo defínense as probas a realizar e
como deben facerse, quen pode acompañar á vítima e como pode
sinalarse na historia clínica a declaración. Asegúrase, tamén, o
seguimento clínico posterior á exploración.
Colaboración
e coordinación interinstitucional
Neste
acto, tamén interveu a
secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, quen puxo en
valor o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre
mulleres e homes 2022-2027 co que, segundo apuntou, consolidarase a
capacitación profesional como un dos eixos de actuación para que os
traballadores do ámbito xurídico, dos servizos sociais e da
sanidade, entre outros, poidan contar cos coñecementos necesarios
para a detección dos casos, a prestación dunha adecuada atención e
dispoñer de información e ferramentas que faciliten a derivación e
unha intervención efectiva.
“A
Xunta de Galicia seguirá apostando pola colaboración e a
coordinación interinstitucional para a mellora da atención ás
vítimas de violencia de xénero”, destacou López Abella, quen
lembrou que a igualdade é unha área que verá incrementada a súa
dotación orzamentaria para 2023 nun 41,4% ata os 44,5 millóns de
euros. Reforzarase, así, a loita contra a violencia de xénero -que
contará con 20,5 millóns, un 14,7% máis que en 2021- co obxectivo
de inxectar máis recursos e prestacións para as vítimas.