GALICIA É A COMUNIDADE AUTÓNOMA QUE MÁIS INCREMENTOU A SÚA OFERTA DE FORMACIÓN MIR NESTA CONVOCATORIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 01 2023
Galicia é a comunidade autónoma que máis incrementou a súa oferta de formación MIR na convocatoria deste ano, cun total de 620 prazas, que supoñen un incremento dun 14%, fronte ao 4% de media do resto das comunidades autónomas.

Así o expuxo hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia no Pazo do Hórreo para dar resposta a unha pregunta oral dos socialistas sobre a cobertura de prazas. O conselleiro de Sanidade aproveitou para lembrar aos responsables do PSdeG que a oferta das 620 prazas MIR da nosa comunidade para esta convocatoria, “representa un 72% máis das que se convocaban no ano 2009”, cando gobernaba bipartito.

García Comesaña comparou esas 620 prazas incluídas na oferta de formación especializada da Xunta para 2023, que representan o 85,5% das prazas acreditadas polo Ministerio de Sanidad, coas 360 prazas de formación ofertadas pola Xunta no ano 2009 -o 80,4% das acreditadas polo Goberno central-. Estes datos “amosan que probablemente nos importa máis a formación sanitaria especializada que a vostedes”, respondeu o conselleiro ao representante do partido socialista, ao tempo que insistiu en que “o principal problema que ten o Sistema Nacional de Salud nestes momentos é moi concreto: necesitamos máis médicos de familia, e aí e onde temos que cubrir vacantes”.

O titular da sanidade galega insistiu na necesidade de formar máis médicos naquelas especialidades nas que hai déficit de especialistas. Así, resaltou, que ”os especialistas en farmacia hospitalaria, análises clínicas ou pneumoloxía non pasan consulta nos Puntos de Atención Continuada nin nos centros de saúde. E aí, na medicina familiar e comunitaria, é onde temos a necesidade, e onde temos que cubrir vacantes”. E puntualizou que “nesa especialidade Galicia cobre o 100% das prazas formativas acreditadas”.

“O que necesita, non Galicia senón o Sistema Nacional de Saúde, é máis médicos de familia”, volveu remarcar Julio García Comesaña, para sinalar a continuación que “das 120 prazas desa especialidade que se crearon este ano en toda España, máis da metade creounas Galicia. E estamos a ofertalas todas”.

Comesaña referiuse tamén a que “ningunha das 17 comunidades cobre as prazas MIR ao 100%”. Galicia cobreas ao 85%, e ao 100% en medicina de familia, “e vai seguir esgotando o seu tope formativo nesa e noutras especialidades nas que necesitamos máis profesionais e nas que estamos no 100%: medicina interna, radiodiagnóstico, pediatría, ademais de medicina de familia”. 

Este ano, Galicia formará a 207 especialistas en medicina de familia que supoñen máis do dobre dos 88 especialistas que formaba o goberno bipartito cada ano, “uns anos nos que se cubrían só o 70% das prazas autorizadas polo Ministerio, renunciando a formar en 4 anos a máis de 150 médicos de familia. Case 40 por ano”.

O manifesto de 7 CCAA e o proxecto de regulación da docencia do Ministerio

Como estas prazas aínda non son suficientes, sete comunidades autónomas, entre elas Galicia, asinaron un manifesto instando ao Ministerio a flexibilizar os criterios e poder crear máis prazas, “pero esta semana o Ministerio remitiunos un proxecto que non flexibiliza nada”. Julio García Comesaña lembrou que esta proposta é a mesma que trasladaron os conselleiros socialistas en abril do ano 2018 ao goberno do Partido Popular, e que este aceptou. 

En relación co proxecto remitido polo Ministerio de Sanidad esta semana sobre a regulación da docencia de medicina de familia, Comesaña sinalou que éste “continúa o veto absurdo para formar en centros de saúde con menos de 4 médicos, unha medida que España non se pode permitir e que asfixia a capacidade formativa do Sistema Nacional de Saúde”.

Finalmente, o conselleiro de Sanidade citou outras especialidades concretas nas que Galicia incrementou a súa oferta de formación MIR, como  a enfermería especialista en familiar e comunitaria, na que se duplicaron as prazas formativas nos últimos 6 anos e Galicia foi a primeira comunidade en crear a categoría profesional, ofertar prazas fixas e cubrilas con persoal propietario.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde