Con preto do
80% do seu cadro de persoal composto por mulleres, e presenza maioritaria nos
centros de saúde, hospitais e na práctica totalidade de profesións, servizos
asistenciais e na dirección, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de
Valdeorras celebra hoxe o Día Internacional da Muller e súmase aos obxectivos
das Nacións Unidas neste 71 aniversario.
Este día ten por obxectivo promover a
igualdade, o liderado da muller e a eliminación de calquera discriminación para
conseguir a súa plena participación na sociedade, nas mesmas condicións que os
homes, e serve para conmemorar o importante camiño percorrido, polas mulleres
que nos precederon, ademáis de lembrar a existencia de desigualdades en
numerosos países do mundo, onde a muller
ten que loitar e defender, incluso o seu dereito a educación.
A presenza da muller no sector saúde é unha
conquista social, que crece de ano en ano, rompendo barreiras de especialidades
e profesións, ata chegar a unha participación maioritaria. Na nosa Área
Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras as mulleres representan xa o 63% do
persoal facultativo, e teñen presenza en todas as especialidades médicas.
Maioría por centros e futuro en feminino
Por centros no Hospital Universitario de
Ourense as mulleres representan o 79,5%; no Hospital Público de Valdeorras o
78,7%, no de Verín o 78,7% e en Atención Primaria o 73,2%.
A súa presenza entre o persoal médico e
facultativo, minoritario hai só uns anos na maioría de especialidades, supera
xa o 50% en todos os hospitais e atención primaria: O 63.6% no hospital de
Ourense, o 50.8% no de Valdeorras, o 60.7% no de Verín e o 64,3 en Atención
Primaria.
O futuro tamén semella ser feminino cunha importante
maioría de residentes de ata o 76% en hospitalaria e do 70% en primaria.
Menos velocidade nos postos de
responsabilidade
Unha das asignaturas pendentes na
integración laboral da muller segue a ser a súa incorporación a postos de
responsabilidade, así segundo os datos do cadro de persoal, a presenza da muller na dirección, xefaturas
ou postos de supervisión e coordinación en hospitais e centros de saúde é do
60% -moi inferior a súa presenza global- e baixa ainda máis nas xefaturas de servizo ou
sección de persoal facultativo: Do 38.7% en hospitalaria e o 35% en primaria.
A igualdade avanza tamén nalgunhas
profesións históricamente con maioría, como a enfermería. En 2023 os homes
representan xa o 17% do persoal de enfermeiro en atención hospitalaria e preto
do 13% en primaria.
Por categorías profesionais, a maior
porcentaxe de persoal feminino é a de técnicos de coidados auxiliares de enfermería
(TCAE) e auxiliares de clínica, practicamente formado integramente por mulleres,
con só un 3,7% son homes.
Fora dos números, compre recoñecer e
visibilizar a aportación de todas as profesionais, sen as que a atención
sanitaria á poboación sería imposible, e celebrar o coraxe e a determinación de
moitas que rompendo teitos de cristal, abriron as portas a todas as profesións
dentro das ciencias da saúde, servindo de exemplo real ás xeracións máis novas
e modelo aos paises nos que ainda deben loitar polos seus dereitos.