A Área Sanitaria de Ferrol conta dende o pasado xuño cunha nova consulta Multidisciplinar Cardiorrenal. Nesta consulta específica, profesionais dos Servizos de Cardioloxía e Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol atenden de xeito conxunto a unha trintena de pacientes cunhas características concretas e factores de risco semellantes para os dous órganos, corazón e riles. Esta atención específica minimiza as visitas que estes pacientes teñen que facer ó centro hospitalario; e, tamén, aglutínanse nun só día as probas necesarias para eles.
Como explican os responsables desta consulta, o nefrólogo, Pablo Bouza Piñeiro; e o cardiólogo, Manuel López Pérez, “corazón e ril están moi interrelacionados e a enfermidade dun órgano aumenta a disfunción doutro. Os factores de risco son semellantes como a hipertensión a diabetes ou a obesidade, entre outros”. Trátase, matiza Pablo Bouza “de traballar de xeito coordinado para mellorar a vida da paciente”.
Estes pacientes teñen características complexas, con múltiples comorbilidades, e frecuentes visitas ó centro hospitalario. Son escollidos polos profesionais cuns criterios clínicos definidos, e o denominador común soe ser insuficiencia cardíaca e enfermidade renal crónica avanzada. O perfil da persoa nesta consulta coincide cun varón (o 77% dos casos), cunha idade media de 70 anos. O 61% dos mesmos son diabéticos. A consulta prodúcese cando menos unha vez ó mes, e atende unha media de 8 pacientes de xeito integral nese mesmo día.
Atención multidisciplinar e comodidade para o paciente
Na primeira franxa horaria da consulta, prodúcese unha valoración dos casos e unha posta en común; e, tamén, establécense opcións terapéuticas e tratamentos. Posteriormente, a profesional de Enfermaría aplica os seus estudos correspondentes e a educación sanitaria. Despois, nefrólogo e cardiólogo realizan a atención en cada un dos seus ámbitos; e, finalmente, hai unha nova posta en común final coa entrega dun único informe terapéutico conxunto, que tamén se comparte co profesional do centro de saúde, que pode participar activamente neste eido.
“Clasicamente este atención facíase de xeito estanco e non había unha abordaxe multidisciplinar. Pero, con esta modalidade, hai moito beneficio para o paciente”, explican. A Área Sanitaria de Ferrol “ten un tamaño e unha boa relación entre servizos que permite este tipo de consulta”, subliñan. As novidades terapéuticas para esa abordaxe conxunta tamén se teñen ampliado. Para o paciente, diminúense considerablemente o número de visitas ó centro e o número de probas, que se afinan máis entre ámbalas dúas especialidades e evítanse posibles duplicidades.
Así, resumen: “Máis facilidade dende o punto de vista do prognóstico e facilidade para vir nun acto único; mellor manexo conxunto da enfermidade; e coñecemento mutuo de ámbolos dous profesionais dos elementos de cada unha das especialidades implicadas. Todos obtemos un beneficio”.
“A consulta multidisciplinar rompe ese comportamento estanco clásico e ofrece maior permeabilidade e transversalidade ó paciente”, afondan. “É un xeito eficiente de abordar unha patoloxía crónica cun alto impacto sanitario”, matiza o nefrólogo Pablo Bouza. O enfermo crónico complexo, engade o cardiólogo Manuel López, “debe tratarse da forma máis holística posible, dende tódolos puntos de vista”.
Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.