A Área Sanitaria de Ourense, Verín e
Valdeorras súmase hoxe á Organización Mundial da Saúde na conmemoración do Día Mundial
de Hixiene das Mans, que este ano ten por lema “Aceleramos a acción entre
tod@s” e servirá de enlace para toda unha serie de actividades que se
desenvolverán nos tres hospitais e en Atención Primaria por toda a provincia.
As actividades invitaran ao persoal sanitario e á poboación en xeral
a unirse a celebrar este xesto que salva de ano en ano miles de vidas nas
unidades hospitalarias, e limita a
difusión e proliferación de xermes e contaxios, como a sociedade aprendeu
durante a pandemia. Para levalo a bo término creouse un Grupo de Traballo de
Hixiene de Mans, formado por persoal médico e de enfermería e residentes en
formación, dos hospitais de Ourense, verín e Valdeorras, pertencentes as
unidades ou servizos de Calidade e Medicina Preventiva, mentres que por parte
de Atención Primaria desde a Supervisión de Enfermería de Crónicos programáronse
obradoiros e charlas de acción comunitaria.
Uns dos máis concienciados da importancia deste xesto son
precisamente os máis pequenos e a eles adicarase hoxe as actuacións de atención
primaria, por medio do obradoiro de hixiene de mans: “Bichos Fora” que se
celebrarán no Centro de Saúde de Celanova e nos centros escolares CEIP de
Prácticas, CPI José García García de Mende e “La Purísima” de Ourense, por parte
de enfermeiros dos Centros de Saúde de A Ponte, Valle Inclán e Novoa Santos, en
Ourense, asi como no CEIP Ben Cho Shey de Pereiro de Aguiar, CEIP de Maside e
Luis Vives de A Valenzá por parte dos seus profesionais sanitarios de
referencia.
Salvar vidas nos ingresos hospitalarios
A nivel hospitalario a práctica da hixiene de mans por medio a
técnica axeitada e no momento correcto non só salva vidas senón que garante a redución das infeccións asociadas á
asistencia sanitaria (IRAS) e a diseminación de microorganismos
multirresistentes.
Para lembrar aos profesionais sanitarios o indispensable e efectivo desta
medida o Grupo de Traballo de Hixiene de Mans leva meses traballando, por medio
dunha campaña informativa interna, con fondos de pantalla e cartelería propia, e
avaliando o seu cumprimento nas distintas unidades, para establecer vías
específicas de acción.
Igualmente, valorarase positivamente tamén o grao de
cumprimento cun premio de nova creación: “Mans de Ouro” que recoñece a unidade de
enfermería, unha por hospital, cos mellores resultados nas roldas de seguridade
levadas a cabo os pasados días. No hospital Universitario de Ourense o premio
recaíu na Segunda Norte, de Cirurxía Xeral,
tamén a unidade cirúrxica, A Unidade Laranxa, foi a premiada no Hospital
Público de Valdeorras, mentres que en Verín o premio foi para a Unidade Verde,
da área médica.
Co obxectivo de reforzar este compromiso coa seguridade, tamén esta
mañá instaláronse mesas informativas nos tres hospitais públicos de Ourense,
Verín e Valdeorras, onde se está a ofrecer consello sobre as técnicas e os cinco
momentos definidos pola OMS para realizar unha hixiene de mans.
Co exemplo dos máis pequenos realizarase unha dinámica visual: “Mans
con brillo”. As persoas a miúdo lávanse as mans só con auga, pero só o lavado minucioso
con xabón fai que queden realmente limpas. Así con materiais simples como como
purpurina, vaselina e auga, demostrarase aos nenos e nenas ingresados en
pediatría o poder do xabón. Para lembrar a actividade deixarán un mural para
que os cativos deixen a súa pegada.