FOTOGRAFÍAS DOS PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL, UN VIDEO DE SENSIBILIZACIÓN E OS DEBUXOS DOS NENOS HOSPITALIZADOS RECORDAN O DÍA MUNDIAL DA HIXIENE DE MANS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 05 2023

A Área Sanitaria de Ferrol súmase, un ano máis, á conmemoración do Día Mundial da Hixiene de Mans, que se celebra hoxe, e realiza diversas actividades. O lema deste ano é: “Aceleramos a acción entre tod@s, xa que en tan só 30 segundos lóitase contra os microorganismos máis habituais. 

Este ano volveuse contar coa colaboración da Asociación ADECASFE para solicitar dos profesionais da Área Sanitaria de Ferrol a realización de fotografías remarcando a importancia da hixiene de mans.

A Área sanitaria ferrolá sempre incide na importancia da hixiene de mans para evitar infeccións, e esta mañá, outra das actividades promovidas, en colaboración co Servizo de Pediatría e coa mestra Aula Hospitalaria Zaira Fernández Taboada, foi a exposición dos debuxos realizados polas nenas e nenos que estiveron hospitalizados.

Ademais, emitiuse información dende a Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Medicina Preventiva e Esterilización, e enviouse información a asociacións de pacientes e centros sociosanitarios. Así mesmo, ao longo da mañá, a supervisora de Esterilización, Medicina Preventiva e Control de Infección, María del Carmen Aramburu García, e a enfermeira de Medicina Preventiva, Cristina Da Silva Rey , realizaron demostracións con solución marcadora e lámpada de luz negra.

O obxectivo único neste día é o de concienciar sobre a importancia da hixiene de mans como barreira para a transmisión de bacterias, incidir nos momentos destinados a intensificar o lavado de mans, así como recordar os cinco momentos da hixiene de mans.

Estes cinco momentos son, antes do contacto co paciente; antes de realizar unha tarefa limpa ou aséptica; despois do risco de exposición a fluídos orgánicos; despois do contacto co paciente; e despois do contacto co entorno do paciente. 

Todos os anos distribúese material relacionado con este día e ofrécese información ao respecto. O día mundial da hixiene de mans volve ser máis mundial que nunca e o sinxelo acto de lavar as mans con auga e xabón ou cunha solución hidroalcohólica convértese no método máis sinxelo, fundamental e universal para salvar vidas.

A Hixiene de mans no ámbito sanitario

Os profesionais sanitarios están activamente comprometidos xa durante todo o ano en evitar infeccións ou dano, e realizan unha axeitada hixiene das mans nos cinco momentos recomendados durante a asistencia, xa mencionados, e que tamén figuran no cartel deseñado pola Unidade de Calidade para esta ocasión, situado no fondo de pantalla dos ordenadores de todos os traballadores e traballadoras da Área Sanitaria.

Enténdese por hixiene de mans un proceso que ten coma obxectivo reducir o número de microorganismos que hai na pel das mans. Cando o procedemento se realiza con auga e xabón, denomínase lavado de mans; e cando se realiza a base dun preparado de base alcohólica ou con xabón antiséptico, denomínase desinfección das mans. 

Neste día sempre se destaca que “a hixiene de mans é a medida máis sinxela e eficaz que se pode realizar para reducir a transmisión das infeccións relacionadas coa atención sanitaria; e para evitar a propagación das infeccións que se transmiten a través do contacto”. Hoxe pódese enfatizar máis que nunca: lava as mans. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde