INVESTIGADORES DO IDIS ESTUDAN A RELACIÓN DA MICROBIOTA INTESTINAL COAS ENFERMIDADES REUMÁTICAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 05 2023

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023. – Investigadores do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) participan nun proxecto de investigación europeo no que se analiza a relación da microbiota intestinal coas enfermidades reumatolóxicas. Trátase dun estudo financiado pola Unión Europea con 8’8 millóns de euros no que participan 14 centros sanitarios e de investigación de 8 países.

No proxecto ENDOTARGET estudarán “o papel da inflamación crónica sistémica causada por compostos inmunolóxicamente activos derivados da microbiota intestinal, como impulsora da transición da saúde á enfermidade, cun enfoque especial en tres patoloxías reumáticas, a artrose (OA), a artrite reumatoide (AR) e a espondiloartrite (SPA)”, subliña Rodolfo Gómez Bahamonde, líder do grupo galego, único español participar nesta investigación.

Máis do 40% da poboación en Europa está afectada por algunha enfermidade reumática (ER) asociada a unha importante discapacidade, dor, redución da esperanza de vida e unha carga económica moi elevada.

Neste proxecto buscaranse novas aproximacións preventivas e terapéuticas destas enfermidades, estudando a relación entre a microbiota intestinal, a permeabilidade intestinal e a endotoxemia, buscando comprender o seu papel como impulsoras da aparición e a actividade de enfermidades reumáticas.

Desenvolverán unha ferramenta de predición de enfermidades reumáticas apoiada por intelixencia artificial e aprendizaxe automática para que o persoal médicos poida identificar os doentes con maior risco de desenvolver as enfermidades obxectivo. Por tanto, axudará na elección dun plan de intervención personalizado para reducir o risco e a actividade da enfermidade na AR e SPA e para retardar a progresión da OA.

Para acadalo, estudarán os eventos que conducen desde a saúde ata o inicio da enfermidade:

  1. aproveitando grandes cohortes de mostras de sangue e feces de persoas xeograficamente dispersas;

  2. buscando novos biomarcadores de risco para AR, SPA e OA mediante o uso de tecnoloxías ómicas de alto rendemento;

  3. realización de estudos clínicos específicos;

  4. realización de estudos in vitro sobre o mecanismo patolóxico para explorar o eixo intestino-articulación utilizando cultivos de explantes de tecido e modelos de órganos en chip.

  5. realización de estudos de proba de concepto de intervención de dieta, transplante fecal e un fármaco que reduce a permeabilidade intestinal en pacientes con AR e SPA;

  6. exploración in vitro de novos fármacos ou nutracéuticos potenciais para facer fronte aos efectos da endotoxemia nos tecidos diana.

Enfermidades reumáticas

As enfermidades reumáticas inclúen máis de 250 trastornos como a osteoporose, OA, AR e SpA afectan a un cuarto da poboación española maior de 20 anos. En España, a OA é unha das enfermidades máis prevalentes. Estas enfermidades son un importante problema de saúde pública asociado a unha alta morbilidade. A dor é un síntoma común destas patoloxías e un dos principais motivos de discapacidade asociada.

Estas enfermidades están relacionadas co envellecemento progresivo da poboación e cos cambios nos estilos de vida. Factores como as condicións de vida e de traballo, así como as condutas de saúde, inflúen na aparición e evolución das enfermidades reumáticas máis frecuentes.

En Galicia constitúen unha das principais causas de incapacidade laboral. A estrutura económica galega, caracterizada polo peso das actividades agrícolas, gandeiras, pesqueiras e industriais, fai que a poboación sexa máis propensa a sufrir estas patoloxías no futuro. Estímase que a probabilidade de sufrir OA cando se exercen traballos agrícolas multiplícase por 9. O feito de que as enfermidades reumáticas afecten a 3,5 mulleres por cada home sumado a que a poboación maior de 65 anos en Galicia supere o 25% do total tradúcese nun aumento importante destas patoloxías nos próximos anos.

Ante esta situación, é fundamental seguir investigando e desenvolvendo novas estratexias de prevención, diagnóstico e tratamento destas enfermidades, así como mellorar a concienciación pública sobre a importancia da adopción de estilos de vida saudables e a prevención das enfermidades reumáticas.

Sobre o grupo de Patoloxía Musculoesquelética

O Grupo de Patoloxía Musculoesquelética comezou o seu labor investigador no 2016. Este grupo enfócase na investigación e tratamento das diferentes patoloxías que afectan ao sistema musculoesquelético, como a OA, a osteoporose, a AR e a osificación heterotópica. Dentro do grupo hai investigadores de todas as áreas relacionadas coas patoloxías musculoesqueléticas: farmacia, bioloxía, biotecnoloxía, reumatoloxía, traumatoloxía e rehabilitación. O xefe do grupo, o Dr. Rodolfo Gómez Bahamonde publicou máis de 100 artigos científicos en revistas de alto impacto e relevancia internacional, como “Nature Reviews Rheumatology”, “Annals of the Rheumatic Diseases”, e “Arthritis and Rheumatology”.

O grupo de Patoloxía Musculoesquelética obtivo máis de 20 proxectos de investigación, captando máis de 2 millóns de euros de fondos públicos e privados nos últimos anos. Isto permitiu establecer varias liñas de investigación e colaboracións nacionais e internacionais con outros grupos de investigación.

Sobre o IDIS

O Instituto de Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) nace en 2008 como froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de máis de 1.100 investigadores, 106 grupos de investigación, 46 M€ de fondos e 128 proxectos de investigación captados, o IDIS contribúe co seu labor a incrementar o coñecemento en saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

Saúdos, 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde