O SERGAS ABRE O PRAZO DE ELECCIÓN TELEMÁTICA DE DESTINOS DOS ASPIRANTES DEFINITIVAMENTE SELECCIONADOS PARA O INGRESO EN CATRO ESPECIALIDADES DA CATEGORÍA DE FACULTATIVO ESPECIALISTA DE ÁREA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 05 2023

O Diario Oficial de Galicia​ publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se publica a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición para o ingreso na categoría de facultativo especialista de área e se inicia o prazo para a elección de destino.

Os aspirantes seleccionados son facultativos especialistas de área das especialidades de cirurxía pediátrica; cirurxía plástica, estética e reparadora; inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, das que o 72,2% son mulleres que prestarán servizos nos distintos centros do Sistema Sanitario Público de Galicia. 

Disporán dun prazo de dez días hábiles, comprendido entre o 9 e o 24 de maio, para seleccionar os destinos ofertados por orde de prelación.

A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme as bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020. A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva especialidade e facilitará información á persoa aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino e puntuación acadada nel. A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.

O aspirante disporá das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a elección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.

Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.

Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito dos cidadáns de relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento das persoas aspirantes á sede do órgano convocante como acontecía coa modalidade presencial.

As persoas aspirantes seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde