COMESAÑA: “O PLAN DE HUMANIZACIÓN NA ATENCIÓN A LESIONADOS MEDULARES É FROITO DO ESFORZO E DEDICACIÓN DE PROFESIONAIS COMPROMETIDOS COS PACIENTES E AS SÚAS FAMILIAS”
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 05 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe que o Plan de humanización na atención a lesionados medulares da área sanitaria da Coruña e Cee é froito do esforzo e dedicación de profesionais comprometidos cos pacientes e as súas familias.

No acto que se celebrou hoxe no hospital da cidade herculina, Comesaña aproveitou a súa intervención para subliñar a importancia de contar co primeiro Manual de boas prácticas de Humanización en Lesión Medular, amosando o seu orgullo porque entre os seus autores e coordinadores se atopen profesionais do centro sanitario coruñés pertencente á rede do Sergas. Un documento que, -segundo remarcou o conselleiro-, conta co aval da Federación de pacientes ASPAYM, e das sociedades científicas SEP, ASELME e ENFURO e COCEMFE.

No evento, ao que asistiron tamén o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; o xerente da área sanitaria, Luis Verde; o presidente de Cogami, Ángel Queiruga; e o xefe da unidade de lesionados medulares, Antonio Rodríguez Sotillo, o conselleiro destacou que, no Manual de boas prácticas de humanización en lesión medular, contémplanse nove liñas estratéxicas “enfocadas ao benestar do paciente e dos seus familiares, así como ao apoio e integración da familia ao equipo de coidados, ademais de ao fomento de espazos humanizados”, identificando máis dun cento de boas prácticas en relación con esas liñas estratéxicas.

O titular da carteira sanitaria incidiu en que, na atención ao lesionado medular, “é moi importante a súa integración social, sendo chave neste aspecto o movemento asociativo”, por iso destacou a colaboración de COGAMI.

Entre os fitos máis importantes da unidade de lesionados medulares, o conselleiro citou o proxecto vencellado á estimulación eléctrica funcional. Tamén remarcou que a unidade é un centro pioneiro e de referencia para a rexionalización de ensaios clínicos e de investigación na lesión medular.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro felicitou ao xefe da unidade, o doutor Rodríguez Sotillo, e a todos os profesionais que se implican cada día na atención dos pacientes e das súas familias.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde