A XUNTA ACTUALIZARÁ O EQUIPAMENTO DIAGNÓSTICO NA TOTALIDADE DOS CENTROS DE ATENCIÓN PRIMARIA GALEGOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 05 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, no Parlamento de Galicia, nunha resposta a un dos  grupos da Cámara, que a Xunta vai dotar a todos os centros de saúde de Galicia duns novos dispositivos multidiagnóstico, que van permitir, a través dunha táblet con distintos complementos, realizar co mesmo aparello distintas probas diagnósticas: electrocardiogramas e medicións da presión arterial para previr ou controlar problemas cardiovasculares; control do índice nocello-brazo para previr trombos; ou espirometrías para diagnóstico e seguimento de patoloxías respiratorias.

Ademais do anteriormente sinalado, o titular da carteira sanitaria dixo que a  Xunta vai dotar tamén a todos os centros de saúde galegos que aínda non contén con el, de dispositivos de monitorización ambulatoria da presión arterial, que o paciente leva para casa durante un ou dous días completos da súa vida cotiá, e permite diagnosticar a existencia ou a evolución de hipertensión, unha das patoloxías crónicas máis habituais en Galicia.

Todos estes dispositivos, por suposto, -remarcou o conselleiro-, completamente integrados co sistema de historia clínica electrónica de Galicia. Polo tanto, facilitando o volcado de datos automático na aplicación para o seguimento multidisciplinar do paciente polo equipo de atención primaria ou, se fose preciso, con apoio de consulta hospitalaria.

A Xunta tamén reforzará o equipamento de ecografía de atención primaria. Deste xeito, o Goberno galego completará os ecógrafos do Plan de Atención Primaria de 2019 con outros máis de 180, ata chegar a que todos os servizos de atención primaria dispoñan dun ecógrafo. Serán, -dixo o conselleiro-, ecógrafos portátiles dotados con tecnoloxía de intelixencia artificial que irá guiando ao profesional para facer a mellor exploración posible.

O Executivo galego tamén quere dotar de equipos de realización de probas rápidas a todos os servizos de atención primaria. Equipos que, -como remarcou Comesaña-, permitan analizar a glicosa en sangue para vixiar a diabetes; os glóbulos vermellos para detectar anemias; o osíxeno en sangue para diagnosticar e controlar as enfermidades pulmonares crónicas; os electrolitos como sodio ou potasio para detectar alteracións renais, cardiacas ou neurolóxicas; e as PCR, para axudar aos profesionais a diferenciar entre infeccións víricas e bacterianas agudas, co impacto que isto ten na prescrición de antibióticos.

Renovación equipos radiodiagnóstico

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, Comesaña avanzou, tamén, a actualización da capacidade de radiodiagnóstico en primaria con 28 novos equipos de raios neste nivel asistencial, dos que 17 servirán para renovar todos os aparatos de raios instalados en atención primaria que teñan máis de oitos anos, para substituílos polo equipamento máis moderno.  

Tal e como detallou o conselleiro, outros oito aparellos duplicarán a capacidade dos centros que contan con equipos dun detector e que pasarán a ser de dous (Concepción Arenal, en Santiago; Praza de Ferrol, en Lugo; centros de saúde de Carballo; Lalín, e Ponteareas; e os PACs de Santiago de Compostela, O Barco de Valdeorras e Verín. 

Finalmente, os outros tres equipos de radiodiagnóstico incorporaranse a tres centros de saúde que non tiñan este servizo. Así o Sergas fará as obras de creación de salas de raios nos centros de saúde de Ortigueira, Pontedeume e Rianxo; para instalar neles estes novos equipos e dotalos de persoal técnico para que a veciñanza destes concellos poida realizar probas no seu centro de saúde sen desprazarse ao hospital de referencia.

Estas adquisicións irán chegando aos centros de saúde, -dixo o conselleiro-, entre este ano e o vindeiro, mellorando exponencialmente a capacidade diagnóstica dos equipos de atención primaria, que a Xunta seguirá a reforzar con máis medios humanos e materiais.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde