O SERGAS PRESENTA O PROGRAMA DE MELLORA DA ADHERENCIA TERAPÉUTICA A TRAVÉS DA PREPARACIÓN DE SISTEMAS PERSONALIZADOS DE DOSIFICACIÓN DE MEDICAMENTOS NAS FARMACIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 05 2023

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, presentou hoxe o Programa de mellora da adherencia terapéutica a través da preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación de medicamentos: “Axudámosche coa túa medicación”. Os Sistemas Personalizados de Dosificación (SPD) son uns dispositivos de axuda para tomar os medicamentos correctamente, cunha serie de compartimentos onde se distribúe a medicación por días e por tomas durante un tempo determinado. No peche do acto interveu, así mesmo, Silvia Reboredo García, subdirectora xeral de Farmacia do Sergas. 

Cómpre remarcar que o envellecemento da poboación leva aparellado un aumento das enfermidades crónicas e como consecuencia, a polimedicación e os problemas relacionados cos medicamentos. Por outra banda, a falta de adherencia é un problema relevante e prevalente, cunha porcentaxe de pacientes que non toma correctamente a súa medicación dando lugar a fracaso terapéutico, ineficiencia, aumento das visitas a urxencias e ingresos hospitalarios.

Coa implantación deste programa preténdese mellorar a adherencia terapéutica e garantir a eficacia e seguridade dos tratamentos, conseguindo, deste xeito, unha maior calidade de vida dos pacientes. 

Detección dos pacientes a través dos profesionais sanitarios

Esta iniciativa vai dirixida a persoas con dereito a asistencia sanitaria e farmacéutica con cargo ao Sistema Público de Saúde de Galicia, polimedicados (que toman máis de 13 medicamentos de forma crónica, inicialmente) de idade avanzada (máis de 74 anos), con problemas de incumprimento da terapia ou con dificultades para o correcto uso dos medicamentos por déficits de autonomía física ou psíquica, para as que o sistema supoña un beneficio, e que vivan soas ou non teñan unha rede de apoio sociofamiliar adecuada para o mantemento dos tratamentos instaurados.

Constitúe unha das claves do éxito deste programa realizar unha boa selección dos pacientes que se beneficiarán deste protocolo, elaborado pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, en colaboración cos colexios oficiais de farmacia de Galicia, para que, deste xeito, se garanta ao máximo a equidade de acceso ao sistema personalizado. A detección dos pacientes realizarase a través dos profesionais sanitarios do Sergas, dos farmacéuticos comunitarios e dos traballadores sociais.

No caso dos farmacéuticos comunitarios, a derivación acompañarase dun informe xustificativo dos criterios de inclusión, podendo aportar información pertinente sobre a medicación do paciente.

Unha vez detectado o paciente susceptible de inclusión, será derivado a unha primeira consulta co seu enfermeiro ou farmacéutico de atención primaria que valorarán o cumprimento dos requisitos necesarios para ser beneficiario, coa colaboración do traballador social. Posteriormente, o farmacéutico de atención primaria e o médico de familia revisarán o tratamento en conxunto, e derivarán o paciente a unha farmacia que elixa dentro da zona farmacéutica na que reside, onde recollerá os SPD cada dúas semanas.

Outros obxectivos

Outros obxectivos específicos desta iniciativa do Executivo galego son, reducir os erros na toma da medicación; previr, detectar e resolver problemas relacionados coa medicación; asegurar a correcta utilización dos medicamentos a través da información personalizada ao paciente, evitando problemas de manipulación e conservación; facer que o uso dos medicamentos por parte dos pacientes sexa máis seguro e eficiente, ao evitar problemas de confusión e/ou intoxicación involuntaria; facilitar o labor do persoal de apoio ou coidador dos pacientes, naqueles aspectos relacionados coa adquisición, conservación e administración dos medicamentos; e, ademais, reducir o stock de medicamentos almacenado no domicilio.

Os profesionais que interveñen neste proceso son médicos, farmacéuticos, enfermeiros e traballadores sociais dos ámbitos de atención primaria e hospitalaria, e persoal de servizos xerais do primeiro nivel asistencial, pertencentes ao Sergas, e farmacéuticos comunitarios. 

O Sergas xa remitiu o protocolo aos equipos directivos das diferentes áreas sanitarias e aos departamentos involucrados na sua implantación nos distintos niveis asistenciais. Pola súa banda, os Colexios Oficiais de Farmacéuticos xa difundiron este procedemento ás oficinas de farmacia habilitadas e adheridas a este programa, para garantir a adecuada coordinación e traballo cos profesionais do Sergas.

Outro dos fundamentos para alcanzar unha áxil, adecuada e masiva implantación deste protocolo na nosa comunidade é a elaboración dun plan de formación específico sobre o que asentarse, dirixido a profesionais de diferentes áreas xeográficas, diferentes perfís (persoal de enfermería, facultativos, traballadores sociais …), que estase levando a cabo a través de sesións nos centros asistenciais do Sergas, impartidas polos farmacéuticos do nivel asistencial correspondente. 

Decálogo para o paciente

O Sergas elaborou un decálogo de información para o usuario de sistemas personalizados de dosificación de medicamentos. Os puntos recollidos neste decálogo son:

1. ACUDA sempre á mesma farmacia a que seleccionou cando foi incluído no programa. No caso de que decida prescindir do servizo ou cambiar de farmacia, debe notificalo no centro de saúde e na farmacia.

2. LEVE o informe de derivación e a bolsa de medicamentos á primeira consulta no centro de saúde. Inclúa na bolsa todos os medicamentos que toma habitualmente, os que toma de cando en vez, os que non precisan receita médica e os complementos.

3.-PROPORCIONE os seus datos persoais e a información dos tratamentos actualizados ao farmacéutico, por se fose necesario poñerse en contacto con vostede.

4. Os medicamentos sobrantes quedarán baixo a custodia do farmacéutico para a seguinte preparación. O farmacéutico entregaralle aparte os medicamentos que non poden incluírse no SPD.

5.-PÓÑASE EN CONTACTO co seu médico cando sexa necesario para que na farmacia poidan dispoñer de receitas con suficiente antelación para a preparación do SPD.

6.- LEVE á farmacia os SPD anteriores cando recolla un novo, e facilite ao farmacéutico toda aquela información necesaria para o seguimento do programa.

7.-CONTACTE canto antes coa farmacia cando, ao acudir a consulta ou ingresar nun hospital, o médico realice algún cambio na súa medicación e aporte os informes que o xustifiquen.

8.- PRESENTE na farmacia a folla de medicación activa cada vez que lla dea o seu médico, especialmente tras un cambio ou axuste de tratamento.

9.- O farmacéutico poderá poñerse en contacto co equipo de atención primaria para aclarar dúbida do seu tratamento.

10.- MANTEÑA O SPD fóra do alcance dos nenos, nun lugar fresco, seco e afastado da luz do sol ou fonte de calor.

Sinalar, por último, que toda a información sobre o programa está dispoñible na páxina web do Sergas.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde