​COMESAÑA DESTACA NO SENADO A POSICIÓN PIONEIRA DE GALICIA NA INCORPORACIÓN DA INMUNIZACIÓN FRONTE AO VRS E ANIMA AO RESTO DE COMUNIDADES A SUMARSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 05 2023
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá no Senado na xornada Reflexiones para un Abordaje Óptimo del Virus Respiratorio Sincitial (VRS), un encontro no que animou ás restantes comunidades autónomas a incluír a protección contra este virus nas súas carteiras vacinais, tal e como vén de facer a comunidade galega.

Durante a súa intervención na Cámara Alta, o titular da carteira sanitaria da Xunta expuxo os datos recollidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a incidencia da bronquiolite na poboación infantil. Así, o estudo reflicte que da devandita infección pulmonar derivan anualmente preto dun milleiro de hospitalizacións (o 75% delas en menores dun ano), ademais de representar un incremento de ao redor de 3.500 consultas pediátricas e case 1.200 visitas ás urxencias hospitalarias. 

Neste sentido, e de acordo á posición pioneira que ocupa Galicia na súa incorporación ao calendario vacinal, García Comesaña animou ao resto de comunidades a incluír a inmunización contra o virus sincitial (VRS) nos seus respectivos calendarios vacinais. 

“Desde a Xunta de Galicia temos a man tendida para compartir a nosa experiencia e dar o noso apoio a calquera outra administración do Estado que considere a súa incorporación”, salientou o conselleiro de Sanidade.

Durante os últimos anos, a comunidade galega estase a destacar por contar con unha das carteiras de vacinación máis amplas e actualizada de todo o territorio nacional. Así, o pasado ano presentaba o Calendario de vacinación ao longo de toda la vida, unha estratexia que contempla a protección das persoas como un proceso integral durante as diferentes etapas da vida.

Na súa actualización, o departamento sanitario da Xunta optimizou a súa estratexia de vacinación tanto no que atinxe á protección das persoas adultas, como no eido da poboación infantil. Así, no caso das persoas maiores, substituíu a vacina do pneumococo conxugada de 13 serotipos, por unha nova que incrementaba a protección fronte a 20 serotipos e; recentemente, tamén incorporou a vacinación contra o virus do herpes zóster para todas aquelas persoas que cumpran 65 e 80 anos, durante o 2023.

No ámbito da vacinación infantil, destaca a incorporación da vacina fronte ao virus do papiloma humano en varóns;  a incorporación da vacina do meningococo B ou; de xeito pioneiro, a administración da vacina antigripal nos menores con idades comprendidas entre os 6 e os 59 meses. 

Así mesmo, o calendario galego rexistrou recentemente dúas importantes incorporacións este ano, como son a incorporación da vacinación fronte ao rotavirus na poboación infantil, e tamén a infección protagonista da xornada de hoxe, a protección en forma de inmunización pasiva dos lactantes fronte ao Virus Respiratorio Sincitial (VRS).

En Galicia contamos cun “calendario vacinal que non é estático, senón que se actualiza e evoluciona en función das necesidades e da evidencia científica” apuntou o conselleiro, ao tempo que puxo en valor o incremento do 50% que a Xunta destinou este ano aos programas de vacinación galegos, e que o presente ano se aproxima aos 29 millóns de euros.

Tras agradecer as invitacións á xornada por parte da Sociedad Española de Infectología Pediátrica, a Sociedad Española de Neonatología,e ao Levin Institutional Health Affairs; Comesaña pechou a súa intervención lembrando algúns dos fitos acadados pola poboación galega no ámbito das vacinas: ao converterse na primeira comunidade que acadou o 95% de persoas maiores de 12 anos con pauta completa contra a covid-19; o seguir a ser a autonomía con maior taxa de adherencia á cuarta dose fronte o coronavirus, ou o recente récord no que respecta á vacinación contra a gripe en maiores de 65 anos, que acadou o 76% de cobertura desta poboación diana. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde