SABELA BERMÚDEZ E PEDRO MANUEL BEIRA, GAÑADORES DO III CONCURSO LITERARIO DA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 05 2023

​Sabela Bermúdez Míguez, coa poesía Maternidade Infiel; e Pedro Manuel Beira Salvador, co microrrelato Todas as palabras que non che dixen son os gañadores do III Concurso por mor do Día das Letras e do Libro, que organizou a Biblioteca da Área Sanitaria de Ferrol, en colaboración coa Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía; e a Asociación Deportiva e Cultural da Área Sanitaria de Ferrol (Adecasfe). O acto de entrega dos galardóns foi esta mañá nun encontro no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, no que se leron as obras presentadas; entregáronse os galardóns, e actuou a Coral Polifónica da Área sanitaria ferrolá.

Segundo establecían as bases deste xa III Concurso, podían presentarse tódolos profesionais da Área que están ou estiveran a desenvolver a súa actividade en calquera dos Centros de Saúde, Puntos de Atención Continuada, ou centros hospitalarios adscritos a ela, incluídas as empresas externas vinculadas. Establecéronse dúas categorías, Poesía e Microrrelatos. As obras presentáronse en lingua galega polo sistema de plica, con título, lema e pseudónimo, e cun máximo de 180 palabras. A temática era libre. Houbo un premio, un lote de libros, para cada unha das categorías, libros de poesía para o gañador no eido da lírica; e libros de narrativa, para o gañador no eido dos microrrelatos.

Os traballos avaliáronse de acordo a criterios de creatividade, mensaxe que aporta, e orixinalidade e escolleuse un traballo finalista para cada unha das modalidades. O xurado estivo presidido polo subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía e composto por integrantes da Asociación de profesionais da Área, Adecasfe; e polos galardoados no ano anterior en cada unha das citadas modalidades: Poesía e Microrrelato.

Tamén se reflicte nas bases que as persoas participantes manterán os seus dereitos de propiedade intelectual sobre as obras, aínda que autorizan a cesión dos dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación en favor da Área Sanitaria de Ferrol unicamente durante o tempo da exposición, xa que os traballos recibidos poderán ser expostos durante un mes na Área.

Amenizaron o acto os membros da Coral Polifónica da Área Sanitaria de Ferrol, que interpretaron catro pezas, entre elas, unha especialmente dedicada a tódolos profesionais do sistema “trala dureza dos días de pandemia por mor da Covid”. Quixeron aproveitar este encontro para invitar ós actuais traballadores e traballadoras da Área Sanitaria de Ferrol ou ós profesionais xa xubilados a unirse como integrantes na mesma. Ensaian os venres e están dirixidos polo profesor do Conservatorio de Ferrol, David Sanmartín González.



EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde