​O PASADO ANO DIAGNOSTICÁRONSE 61 CASOS DE MELANOMA EN OURENSE GRAZAS A ACTIVACIÓN DUNHA VÍA RÁPIDA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 05 2023

Os médicos de referencia de 268 persoas da Área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras abriron, o pasado ano, unha vía rápida de melanoma ao detectar unha lesión na pel sospeitosa nos seus pacientes, dándolles así acceso a este circuíto rápido que posibilitou confirmar o diagnóstico deste cancro de pel en 61 ourensáns, que foron operados antes dun mes desde o aviso desde o Centro de Saúde.

Para a maioría o alivio chegou directamente antes de dous días, tras ser valorados en consulta polo Servizo de Dermatoloxía, que quere facer chegar unha mensaxe de concienciación, no día mundial de melanoma, que se celebra mañá 23 de maio, ante o aumento progresivo de casos.

Tras o aumento podería estar o incremento dunha práctica cada vez máis estendida, habitual e prolongada no tempo: a exposición ao sol, principal factor de risco desta patoloxía oncolóxica da pel. Factores como os raios UV, o aumento dos viaxes de “sol e praia” todo o ano, e conseguintemente o aumento das horas de exposición e a deficiente protección da pel cun adecuado filtro solar fan que estas cifras aumenten.

A factura das queimaduras dos nenos dos anos 60, 70 e 80

Xunto a elo hai que ter en conta o risco futuro das queimaduras solares na infancia, moi habituais no pasado, cando a información dos seus riscos non estaba tan estendida, polo que  os diagnósticos de melanoma son especialmente habituais naquelas xeracións de nenos que hoxe teñen entre 40 e 60 anos.

Afortunadamente pese ao incremento de casos de melanoma (cunha incidencia poboacional de máis de 15 casos por cada 100.000 habitantes), a mortalidade está a descender, precisamente grazas a posta en marcha de ferramentas como a vía rápida, que permiten o seu diagnóstico precoz, ou nun estadío inicial, o que aumenta as posibilidades de supervivencia ata nun 90%.

Para facer posible a detección precoz, o servizo de dermatoloxía pide colaboración á poboación, consultando co médico de cabeceira calquera lunar ou lesión na pel “sospeitosa”, o que facilita a apertura dunha vía rápida en caso necesario e limitar ao mínimo os seus graves efectos sobre a saúde.

 

Para detectar esta sospeita podemos usar a regla do ABCDE: Asimetría (se dividimos o lunar en dous, as dúas metades deberían ser semellantes, en cores e forma); Bordes (cando estes son irregulares o lunar ten un maior risco de ser ou de facerse en "maligno2)  Cor ( un lunar con máis de 2 ou 3 cores ten un maior risco de ser "malo") Diámetro: (os lunares de máis de 6 mm considéranse de maior risco) Evolución: este é probablemente o factor máis importante. Ante calquera cambio nun lunar (de tamaño, forma, cor, que pique que sangue, aparición dunha nova mancha, etc).

O xefe do servizo de Dermatoloxía, José Álvarez Gómez, destaca o papel dos facultativos de atención primaria para a detección das lesións oncolóxicas tanto malignas como benignas, subliñando que “o seu papel é clave para detectar o cancro de pel”.

Pioneiros e papel clave da Primaria

Ourense foi unha das primeiras provincias onde se puxo en marcha a vía rápida de melanoma, nos tres distritos sanitarios de Ourense, Verín e Valdeorras, xa a finais de 2013, grazas a colaboración dos servizos de Dermatoloxía, Anatomía Patolóxica, Cirurxía Xeral, Atención Primaria, Radiodiagnóstico, Medicina Nuclear e Oncoloxía, un equipo multidisciplinar responsable da súa detección, diagnóstico e tratamento.

Máis recentemente melloráronse os medios diagnósticos dos que dispoñen os centros de saúde coa dotación de dermatoscopios en todos os Servizos de Atención Primaria. Proba de referencia que permite analizar a estrutura cutánea profunda, esencial para o diagnóstico das lesións ou tumores da pel. Igualmente o Servizo de Dermatoloxía conta desde hai uns meses cun novo Dermatoscopio Dixital, especialmente útil no estudio das lesión pigmentadas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde