O SERGAS PUBLICA AS CONVOCATORIAS DO CONCURSO DE MÉRITOS NAS CATEGORÍAS DE FACULTATIVO ESPECIALISTA E PEDIATRA, PARA POSTOS DE DIFÍCIL COBERTURA EN HOSPITAIS COMARCAIS, SAÚDE MENTAL E PEDIATRÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 05 2023

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as Resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, polas que se convoca proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área e na de pediatra de atención primaria.​

Coa finalidade de diminuír o déficit de persoal sanitario de diversas especialidades, en Galicia aprobouse, en outubro de 2022, a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Sergas, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega.

Esta convocatoria, terá como resultado a cobertura con destino definitivo neste mesmo ano de 116 prazas en distintas especialidades de facultativo especialista de área para postos en hospitais comarcais, 81 en saúde mental 44 de psiquiatras e 37 de psicólogos clínicos, e 60 prazas de pediatra de atención primaria que, sumadas as 72 prazas de facultativo especialista de atención primaria convocadas a pasada semana, fan un total de 329 prazas convocadas. O acceso sen proba de exame, resulta da baremación de méritos de experiencia, formación académica e continuada, publicacións, entre outras.

O prazo de solicitude se abre mañá, ata o 16 de xuño, para permitir participar a aqueles MIR e PIR que estean no último ano de formación na especialidade correspondente e que están a piques de rematar a súa formación.

As persoas que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, no modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/ expedient-e/Sección de Procesos/Concurso de Méritos). 

Dunha maneira particular, e para os efectos de posibilitar a participación do persoal residente (MIR e PIR) que está actualmente no seu último ano de formación na especialidade correspondente, amplíase o prazo de acreditación do título da especialidade e dos méritos asociados a este, que poderán presentarse ata o último día do prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos e excluídos do proceso.

A convocatoria establece un procedemento que permite que, no suposto de non incorporación ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido dalgún aspirante seleccionado, a Administración sanitaria poida seleccionar a novos aspirantes, atendendo á puntuación que resulte da lista definitiva do proceso entre aqueles aspirantes que teñan elixido os destinos non adxudicados.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde