A Área Sanitaria de Ourense, Verín e
Valdeorras despedíu aos corenta e dous novos especialistas, que remataron a formación nas súas unidades docentes, tras superar unha intensa etapa de aprendizaxe, de dous
a cinco anos, coincidindo nalgúns casos con todo o período pandémico, no que o seu esforzo foi fundamental.
Como ven sendo habitual, con doce novos especialistas Medicina
Familiar e Comunitaria é o grupo máis numeroso de post-graduados, seguido de Anestesia e Reanimación, Medicina Interna, Pediatría e Psiquiatría, con dous
novos especialistas respectivamente, e un en cada unha das disciplinas de: Obstetricia
e Xinecoloxía, Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica, Medicina Intensiva,
Neumoloxía, Hematoloxía e Hemoterapia, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo,
Radioloxía e Radiodiagnóstico, Nefroloxía, Farmacia Hospitalaria e Psicoloxía.
Enfermería tamén conta con nove especialistas máis: tres
de atención familiar e comunitaria, e dous, respectivamente de saúde mental,
pediatría e obstétrico-xinecolóxica.
Traballando na primeira liña
Moitos dos residentes que agora rematan contribuiron desde os seus
servizos, ou formando parte dos dispositivos que se abriron para loitar contra
a pandemia. Como o de atención telefónica de seguemento hospitalario dos
pacientes; na atención das residencias integradas de Os Miragres e Piñor; ou
organizando respostas innovadoras a esta crise, como co envío a domicilio de
medicación desde Farmacia, os telefonos de atención de Pediatría, de
Xinecoloxía, Nefroloxía... ou no seguemento proactivo deste atención primaria.
Unha vez mais, desde a dirección da Área Sanitaria de Ourense
deséxase facer público o seu agradecemento ao masivo compromiso e
dispoñibilidade, así como do conxunto de todos os e as residentes en formación,
que continúan a prestar un servizo imprescindible.
De dous a cinco anos de “residencia”
Dende 1977, data da Orde Ministerial que institucionalizou a nivel
nacional a vía MIR, a Comisión de Docencia de Ourense, leva mais de corenta
anos formando especialistas dun xeito continuado, aumentando progresivamente a súa acreditación para impartir formación en novas especialidades e centros.
A duración do período de formación dos novos residentes depende da
especialidade elixida. Nas de enfermería son dous anos, farmacia e psicoloxía
catro, ao igual que na maioría das
disciplinas médicas, salvo en cirurxía xeral e do aparello dixestivo,
traumatoloxía e cirurxía ortopédica, medicina interna, medicina intensiva e oncoloxía
onde se estenden a cinco anos.
A apertura do acto de clausura do curso correu a cargo da directora
asistencial da Área Sanitaria, Mar Vázquez, que deu paso a recollida de
certificacións de especialidade e entrega de premios e bolsas de estudos.
O Dr. Xosé Luis Muiño, xefe de Servizo do Centro de Saúde A Cuña-Mariñamansa,
foi o responsable de impartir a conferencia maxistral, que versou sobre “O
Sistema Sanitario Español”. Seguidamente participaron o representante dos
residentes, Natalia de Vicente, nova especialista en Aparello Dixestivo, a xefa
de estudos da Unidade Docente Multidisciplinar de Atención Familiar e
Comunitaria, Sandra Pardo e o presidente da Comisión de Docencia, Jesús
García Mata, e pechando o acto a directora de asistencia.
Como xa ven sendo unha tradición, os novos especialistas recibiron un alfinete
de prata deseñado polo escultor ourensán Manuel García “Buciños”, peza única
denominada “Unha ponte cara á saúde” que
lle foi encargada pola Área Sanitaria, para servir como lembranza do seu paso
polas unidades docentes de Ourense.