A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 organizou
hoxe unha xornada formativa sobre soporte vital básico e técnicas
de reanimación cardiopulmonar básica na que participaron 170
escolares do concello da Estrada co gallo do Día internacional das
urxencias e emerxencias, que se celebra mañá. Ao acto asistiron o
concelleiro de Sanidade, Turismo e Relacións Institucionais do
concello da Estrada, Miguel Óscar Rancaño Brañanova, e a
directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira
Pan.
A
formación, que tivo lugar no recinto feiral Fundación de
Exposicións e Congresos da Estrada, estivo impartida por 20
instrutores -técnicos en emerxencias sanitarias do 061 de Galicia,
persoal sanitario de Atención Primaria da Estrada e membros do
Grupo de emerxencias supramunicipal deste concello-. Nela,
participaron 170 nenos de entre doce e trece anos que actualmente
cursan primeiro da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) nos
diferentes centros escolares da Estrada.
Precisamente,
é este grupo de idade, o que se considera máis efectivo para ser
adestrado en técnicas de reanimación cardiopulmonar e soporte vital
básico; tanto para aprendelas, e poñelas en práctica, como para
ensinalas a outras persoas que as descoñezan. Por este motivo, a
Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, en
colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade,
implantou no ano 2009 o programa RCP
na aula
que instrúe nas técnicas de soporte vital básico a escolares de
primeiro da ESO.
Máis
de 17.800 escolares formados
O
programa RCP
na aula
comezou na cidade de Lugo coa formación dos profesores dos centros
educativos que á súa vez ensinaban aos nenos a realizar as manobras
de soporte vital básico. Posteriormente foi implantándose no resto
de concellos galegos ata estenderse a toda a Comunidade Autónoma
galega. Cómpre salientar que actualmente o programa RCP
na aula leva
formados 17.887 escolares nestes 14 anos.
Por
último é importante subliñar a importancia do coñecemento da
poboación das técnicas de soporte vital básico no caso de atoparse
nunha situación na que sexan os primeiros intervenientes ante unha
persoa que sofre unha parada cardiorrespiratoria.
Nos
casos nos que se aplicaron manobras de reanimación cardiopulmonar
básica desde o inicio do paro cardiorrespiratorio as posibilidades
de supervivencia e a diminución das posibilidades de sufrir secuelas
incrementáronse notablemente.
Nestas
situacións resulta imprescindible chamar ao 061 para que os médicos
coordinadores da Central de Coordinación podan transmitir as
indicacións a seguir durante a realización da reanimación
cardiopulmonar, ao tempo que se achega ata o punto a unidade de
soporte vital avanzado que trasladará o paciente ao centro
hospitalario de referencia.
Lembre
que o 061 de Galicia é o servizo de atención ás urxencias e ás
emerxencias extrahospitalarias, as 24 horas do día e os 365 do ano,
e que moitas vidas poden ser salvadas se son tratadas do xeito
adecuado.