A PRODUCIÓN CIENTÍFICA DUN TOTAL DE 411 INVESTIGADORES DA ÁREA SANITARIA DE FERROL ESTÁ ACCESIBLE Á POBOACIÓN NO NOVO PORTAL DO INVESTIGADOR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 05 2023

​A produción científica dun total de 411 investigadores da Área Sanitaria de Ferrol está aglutinada de xeito conxunto no novo portalcientifico.sergas.gal. Trátase dun portal colaborativo coa Fundación Dialnet da Universidade de La Rioja, na que participan 25 universidades españolas, entre elas as tres galegas, e que está coordinado pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e Bibliosaúde. O obxectivo fundamental é comunicar e dar difusión ós resultados das actividades científicas que se desenvolven, mellorar a súa visibilidade, e dar apoio ó persoal investigados nos procesos de avaliación e impacto da súa investigación. 

A responsable da Biblioteca da Área Sanitaria de Ferrol, Uxía Gutiérrez Couto, presentaba esta mañá este novo portal no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario de Ferrol, por primeira vez nunha área sanitaria tralas sua presentación xeral no Servizo Galego de Saúde, no pasado mes de abril. O que se realiza neste “novo espazo de difusión, información e comunicación ó Servizo dos profesionais sanitarios e da cidadanía” é unha recompilación e presentación da produción científica e de transferencia do conxunto de resultados da investigación desenvolvida polos investigadores en Galicia.

Da Área Sanitaria de Ferrol, constan un total de 411 investigadores, unha cifra moi significativa tendo en conta que son ó redor de 2.700 traballadores os que conforman a Área Sanitaria ferrolá, o que indica que unha gran porcentaxe realiza dalgún xeito actividade investigadora. Son 2.815 as publicacións rexistradas na actualidade neste portal científico cun mes de vida activa, desglosados, por exemplo, en 2.137 artigos,  36 libros, 63 capítulos de libro ou 62 achegas a Congresos, entre outras cuestións. Outro  aspecto que se reflicte neste novo portal tamén é como foi ascendendo a actividade investigadora nos últimos anos, pasando de 112 publicacións, no ano 2017, a 152, no ano 2022.

Ciencia aberta

Xa existía unha plataforma onde se indexaba ou volcaba a produción científica do Servizo Galego de Saúde, pero este portal vai máis alá xa que se lle dá un maior protagonismo ó investigador, e é moito máis completo, onde ademais dos artigos pódese ver un perfil do investigador que, segundo indica Uxía Gutiérrez, “é a estrela do portal”, xa que o propio investigador pode editalo e enriquecelo. Xunto con isto, a plataforma ofrece un mapa de resultados globais, pero tamén figuran os distintos tipos de publicacións, non só artigos: as colaboracións, teses, patentes e múltiples indicadores, como por exemplo as citas, útiles para o propio investigador. Seguindo coa exemplificación, no ámbito das teses, pódese ver tanto a propia tese do investigador como as teses que dirixiu, ou das que formou parte do tribunal.

Este novo portal colaborativo non só ten como clave a maior visibilidade e difusión da investigación en Galicia en xeral, e na Área Sanitaria ferrolá en particular, se non que contribúe ós obxectivos da denominada ciencia aberta, un movemento mundial xurdido da comunidade científica, que avoga por unha maior accesibilidade, colaboración, eficiencia e transparencia da investigación, para que sexa máis democrática e con maior vinculación ás necesidades da sociedade. É, explica Uxía Gutiérrez, “tentar chegar tamén ó cidadán, e que acceda de xeito libre e gratuíto ás investigacións que se están a facer na súa área e por eses profesionais nun exercicio de transparencia”; e subliña, “poden ver como os seus médicos, por exemplo, ademais das labores asistenciais e docentes, fan esta labor de investigación en prol da saúde”.

Este portal pode cruzar datos de áreas e centros, e ver tanto os traballos individuais como os dos grupos de investigacións. Os datos cárganse de forma automática pero este portal é aberto e responde ó principio de mellora continua, e poderanse ir incluíndo elementos novos. Galicia é das tres primeiras comunidades autónomas en activar este portal científico no territorio nacional.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde