UN TOTAL DE 10 ALUMNOS DA UNIVERSIDADE DE FLORIDA ROTAN POLA ÁREA SANITARIA DE FERROL NO MARCO DO PROGRAMA ATLANTIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 05 2023

​Un total de 10 alumnos da Universidade de Florida están a rotar pola Área sanitaria de Ferrol no marco do programa Atlantis.  Son estudantes de Ciencias da Saúde de Estados Unidos, o que se denomina pre-health, e que se asemella co pregrao na formación aquí; e estarán a facer prácticas de observación en hospital. Rotarán por 12 especialidades da Área Sanitaria de Ferrol.

Esta actividade desenvólvese no marco dun convenio de cooperación educativa asinado entre o Servizo Galego de Saúde e o St. Mary's Institute for Educacional Excellence (SMI), e implica a realización dun programa de prácticas de observación en centros sanitarios galegos. Esta colaboración comezaba en maio do ano 2016 e parouse por mor da Covid, retomándose no pasado ano 2022. Este ano a súa rotación será dende onte luns 29 de maio ata o 23 de xuño. 

Trátase de prácticas de curta duración en diversos servizos, sobre todo naqueles nos que sexa posible observar técnicas. Son alumnos de Ciencias da Saúde, do grao de Microbioloxía e Ciencia celular; de Bioquímica e Bioloxía molecular; de Fisioloxía; e de Bioloxía.

No marco deste convenio de colaboración, o Sergas oferta as prazas; e o centro hospitalario, grazas á colaboración dos servizos, determina as especialidades onde estes alumnos rotarán; e, tamén, establece as datas. Pola súa banda, o SMI dá a coñecer o sistema sanitario galego e a comunidade autónoma nas universidades americanas. 

Ámbalas dúas institucións consideran interesante este intercambio, na medida en que “se desenvolven tanto vínculos con futuros profesionais da saúde de Estados Unidos; como “de relación con distintas Universidades”. As actividades de colaboración son estensibles á comunidade e supoñen a promoción de Galicia noutros ámbitos, xa que contan con días libres para coñecer as cidades onde desenvolven a súa actividade.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde