A XUNTA HOMENAXEA AOS 155 PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS QUE SE XUBILAN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 06 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu esta mañá, na Delegación Territorial da Xunta, o acto de homenaxe aos 155 profesionais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que se xubilan no presente ano. Durante o acto, no que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria, José Flores Arias, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego trasladou aos profesionais o seu agradecemento polo traballo, entrega e compromiso. “Non só configurades un perfecto exemplo do que é a gran familia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, senón que tamén exemplificades que a sanidade pública galega ten no persoal o seu capital máis importante, polo nivel de calidade que aportastes ao longo destes anos”.

En menos de dous anos farase realidade o Novo Montecelo, “e vós formaredes parte del, xa que contribuístes a construír o ecosistema para que todo isto sucedera”. O resultado, -dixo Comesaña-, “será un hospital que reunirá as 5 S, seguro, sempre amable, sostible, saudable e solidario”.

Durante estes anos, “fostes os protagonistas de moitas transformacións ás que lle destes sentido, cunha atención sanitaria de calidade, sendo pioneiros na súa humanización”. Ao respecto, Comesaña citou o recoñecemento ao Servizo de Dermatoloxía do Chup nos premios Best in Class; ao servizo de Dixestivo pola atención ao paciente con hepatite C; ou ao complexo hospitalario na categoría de mellor organización integrada en atención primaria.

Moitos dos premios débense, -dixo o conselleiro-, “a que os profesionais souberon situarse á vangarda nas novas tecnoloxías”, como é o caso do anuncio do servizo de aparello dixestivo para usar novos sistemas de intelixencia artificial destinados a mellorar os cribados de cancro de colon. Ademais, o hospital universitario pontevedrés conta cunha das primeiras unidades acreditadas a nivel nacional para consulta monográfica de trastornos do movemento.

Tamén incidiu na súa intervención o conselleiro no traballo realizado polo persoal durante a pandemia, “na que demostrastes, dun xeito máis especial, a vosa calidade humana. Se conseguimos superar eso foi grazas a aos profesionais que loitastes sen descanso”, -concluíu Comesaña-.

No acto de homenaxe, en representación dos xubilados, falou o xinecólogo Antonio López Portela.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde