MÁIS DE 1.800 ESCOLARES GALEGOS PARTICIPAN NA XIX EDICIÓN DO PROGRAMA ‘CLASES SEN FUME’, A INICIATIVA EDUCATIVA DA XUNTA PARA A PREVENCIÓN DO TABAQUISMO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 06 2023
 


Máis de 1.800 escolares, procedentes de 40 centros educativos galegos, participaron este ano na XIX edición do programa “Clases sen Fume”, a iniciativa educativa contra o tabaquismo que desenvolve a Consellería de Sanidade, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu esta mañá en Santiago Compostela, a entrega de premios dun concurso no que, desde a súa posta en marcha en 2002, xa participaron máis de 75.000 mozos e mozas.

Na presente edición, resultaron galardoadas as aulas: 1ºD do IES Valle Inclán de Pontevedra na categoría “Clases sen Fume”; na categoría de “Mellor Slogan” o 1º B do Colexio Galaxia de Ribeira con “É difícil volver. A decisión tela ti”; e no apartado de “Mellor actividade Creativa” o 1ºA do IES Monte Castelo de Burela, con “Deíxate axudar”.

Así mesmo, entregáronse seis accésit, que este ano recaeron nos cursos: 2ºC do IES Breamo de Pontedeume, o 2ºB do IES Rodeira de Cangas, o 1º A e 2ºB do CPR Sagrado Corazón de Celanova, o 2ºC do IES Blanco Amor de Culleredo, e o 1ºA do IES Valle Inclán de Pontevedra.

No caso dos tres primeiros gañadores, o alumnado poderá desfrutar dun programa multiaventuras de cinco días no complexo xuvenil de Gandarío, mentres que os cursos galardoados con accesits, agasallaráselles cunha xornada no Aquapark de Cerceda.

Acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez; o titular de carteira sanitaria da Xunta salientou a valentía da mocidade que rexeita o tabaco e aposta polo hábitos de vida saudables. Así, aproveitou a súa intervención para agradecer aos equipos docentes das 86 aulas participantes, a súa contribución no obxectivo de acadar unha Galicia sen fume.

Comesaña enumerou o conxunto de iniciativas que esta a desenvolver a Dirección Xeral de Saúde publica co ánimo de minimizar o consumo de tabaco na comunidade galega. Así, lembrou que Galicia xa conta con 234 praias sen fume, 18 parques libres de tabaco, e un novo Plan, o “Inspira saúde” no que se inclúen medidas de promoción, prevención, detección, formación e información “para avanzar cara unha Galicia sen tabaco en 2027”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde